A alcaldesa de Lugo lembrou hoxe que o Concello disporá nos vindeiros meses de medio millón de euros (530.061 euros) para sufragar unha trintena de actuacións de rehabilitación no Casco Histórico, logo de que a principios de mes a rexedora asinase a adhesión da Administración local ao programa de Rexeneración e Renovación Urbana, ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2018 – 2021.
Un programa que, nesta convocatoria, a número XVI, disporá de máis do dobre do orzamento con relación á edición anterior e que promoverá, entre financiamento público e privado, un volume de negocio que superará os 1’3 millóns de euros (1.357.142 €) de investimento no ámbito delimitado polo Pepri.
“Dende o Concello de Lugo apostamos pola rehabilitación para fomentar a recuperación urbana das cidades e estamos seguros de que con estas achegas alcanzaremos un triple obxectivo: a dinamización económica da cidade, o incremento da habilitabilidade dos edificios e a mellora, xeral, do parque inmobiliario lucense no que a parámetros de confort e sostibilidade se refire, así como na estética do recinto amurallado o que redundará, á súa vez, na imaxe do conxunto da cidade. Por iso, a nosa intención é ser o máis dilixentes posible e habilitar no prazo de catro meses o procedemento para que as persoas interesasas poidan concorrer a elas”, sinalou a rexedora.
A alcaldesa de Lugo fixo estas declaracións durante a visita realizada esta mañá, xunto a Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a unha das vivendas que se está a reformar de maneira integral, na rúa Nova, con cargo a estas subvencións (Fase XV) ás que o MITMA destina 386.253 €, a Consellería de Medio Ambiente 99.808 € e a Institución local 44.000 euros.
O delegado do Goberno lembrou a necesaria implicación das comunidades na execución do Plan de Recuperación, “un plan onde falamos de 230 millóns de euros de transferencias directas á Xunta, durante os seguintes 2 anos. O plan de vivenda anterior de 4 anos: 2018-2021 foron 82 millóns de euros o importe que transferimos á Xunta. Hoxe estamos a falar 230 millóns de euros, é dicir triplicamos o importe, na metade de tempo”.
O investimento municipal, segundo recordou a rexedora, irá dirixido a sufragar xunto ao Goberno Central, parte dos labores de reurbanización que resulte necesario executar de xeito complementario ou para a renovación de servizos – como pode ser o alumeado das rúas, etc – así como tamén para abordar, en colaboración co executivo autonómico, os custos do equipo técnico de xestión.
José Miñones fixo fincapé que “un plan de recuperación é unha oportunidade, pero tamén é un reto. Temos un reto por diante, con diferentes liñas de actuación sobre estes 230 millóns de euros que transferimos á Xunta e sobre os que non permitiremos que nos aconteza como cos fondos do plan de vivenda 2018-2021, onde descubrimos que a execución non foi como nos gustaría, xa que hai que lembrar que dos 82 millóns de euros que xestionou a Xunta de Galicia, 40 quedaron sen executar e eso non o podemos permitir con este plan de recuperación porque consideramos é unha oportunidade única”.
O procedemento, que será xestionado dende Evislusa, permitirá sufragar intervencións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles, a adopción de sistemas de aforro e eficiencia enerxética ou a mellora da súa accesibilidade.
Ademais disto, o Concello eximirá aos promotores destas actuacións do pago da taxa de servizos urbanísticos e habilitará, para incentivalas, unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras.