A alcaldesa de Lugo realizou esta mañá, no Debate do Estado do Concello, unha análise da xestión do seu Executivo durante este ano, “un ano complexo e de gran dureza porque é o segundo en que, como Goberno e como sociedade, tivemos que facer fronte a todas as consecuencias sanitarias, sociais e económicas orixinadas e que aínda perduran derivadas da emerxencia da pandemia”.
A rexedora fixo un balance das distintas áreas de Goberno e destacou todas as iniciativas postas en marcha coas políticas de coidado e protección das persoas, a modernización da Administración e as estratexias encamiñadas a “converter os espazos públicos da capital na extensión do confort dos nosos fogares nesta Segunda Gran Transformación da cidade”, así como na proxección económica do municipio, “unha das grandes apostas do meu Goberno”, no que o Concello está a desenvolver o maior investimento da súa historia.
Neste senso, a alcaldesa sostivo que “unha cidade que vive dos servizos como Lugo, se viu especialmente danada polas restricións derivadas da pandemia, o que nos levou a marcar unha folla de ruta clara e ambiciosa para impulsar a industrialización da cidade e diversificar os seus sectores produtivos, de xeito acorde co modelo de urbe sostible na que estamos a traballar”, e aclarou que “foron anos de abandono por parte da Xunta de Galicia, que non estableceu un plan industrial para a nosa cidade e Lugo non pode esperar máis tempo a que as Administracións con competencias para elo se poñan a traballar”.
A alcaldesa relatou o decálogo de medidas postas en marcha “con todas as ferramentas que están nas nosas mans para que Lugo medre, reteña o talento e atraia investimentos e empresas e, polo tanto, cree postos de traballo”. Entre elas, a estratexia Lugo Transforma, fondo municipal emprendedor “que aterrará sobre aproximadamente 50 empresas e que, extrapolando resultados de experiencias similares, agardamos, produza a creación de máis de mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos, xerando un investimento inducido que superará os 60 millóns de euros por parte das empresas neste tempo”.
A Estratexia Lugo Transforma terá unha duración de dez anos, pero a atracción de capital é de cinco anos, e só no 2022 deberá de captar un mínimo de un millón de euros, “polo que, con estas medidas económicas, máis coa estratexia de deseño da nova cidade, comezada no mandato anterior, estamos asentando as bases do que queremos que sexa Lugo na vindeira década”.
Nese senso, pediu á Xunta de Galicia “que acompañe á cidade nos enormes retos que ten por diante e que impulse, xunto a nós, a marca propia verde que diferencia a Lugo do resto das urbes galegas, a que lle dá personalidade propia e que xa está a ter presenza recoñecida en ámbitos nacionais e internacionais, co fin de gañar en competitividade”.
E instou tamén ao Goberno galego a que cumpra os seus compromisos con Lugo e “active a Rolda Este; achegue o financiamento do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando para situar a Lugo no lugar que lle corresponde como eixo central da cultura romana en Galicia; impulse da man do Concello a diversificación industrial; axilice a Intermodal e empece a investir no saneamento do rural os máis de 7 millóns de euros que ten recadado en Lugo nos últimos anos co canon da auga, unha taxa finalista que está obrigada a reverter no mesmo fin, e coa que aínda non financiou a primeira obra”.
Tamén instouna a repercutir en Lugo a factura COVID “xa que todas as accións de emerxencia as asumimos unicamente con recursos propios, tanto as competencias propias como tamén as impropias, as que son da Xunta (como servizos sociais, escolas infantís ou comedores escolares), que fixemos nosas e atendemos porque todos os problemas da nosa veciñanza nos incumben como Administración”.
A rexedora tamén aseverou que o seu Goberno seguirá a reivindicar ao Goberno central o impulso das infraestruturas viarias e ferroviarias para que Lugo non perda oportunidades: a chegada á cidade do tren de alta velocidade, as conexións con A Coruña e Ferrol e a inclusión de Lugo no Corredor Atlántico Ferroviario de mercadorías son obxectivos irrenunciables para este Goberno”.
Débedas históricas
A rexedora realizou, así mesmo, un balance sobre as débedas históricas que este ano se cumpriron, como a regularización das vivendas da Croa, a zona de baño pública, a eliminación da pasarela da esquina de San Roque, a rexeneración do barrio de O Carme ou a mellora da accesibilidade da trama urbana co río.