O PP di que a alcaldesa apurou a cesión de terreos a un promotor para garantir un pacto de Besteiro que caducaba en 2 semanas

O viceportavoz do PP Antonio Ameijide denunciou onte que a firma da cesión de parcelas ao promotor do Portela fíxose “correndo e rápido para cumprir os pactos escuros do padriño político da alcaldesa, o señor Besteiro”. “Lara Méndez despois de 19 anos apurou no último minuto a cesión ilegal duns terreos en San Fiz a un promotor, porque coa nova normativa, en 16 días, caducaba o pacto selado en 2001 entre o PSOE e o promotor, non sabemos con que intencións” asegurou o popular. Ameijide recalcou que “se esperase dúas semanas non habería que darlle nada porque o convenio, coa nova lei de Réxime Xurídico do Sector Público que entrou en vigor o 2 de outubro de 2016, deixaría sen efecto este pacto urbanístico”.

Os populares afirman que as desculpas da alcaldesa son pouco cribles: “tenta escusarse e darlle a volta a unha operación urbanística, que negociou en 2001 Besteiro e que ela executou de forma ilegal o 16 de setembro de 2020, cedendo 1.200 m2 de terreos municipais a un construtor pola perda de edificabilidade que lle supuxo salvar o edificio do Portela”. “O único verídico das declaracións do goberno local é que foi o informe do interventor e o informe do Consello Consultivo de Galicia o que freou esta entrega ilegal de terreos públicos”.

Ameijide acusa a Méndez de, coa súa decisión, “deixar aberta a porta aberta para que o promotor reclame indemnizacións polo prexuízo ocasionado” destacando que “unha vez máis, os lucenses teremos que pagar as cacicadas e malas decisións do PSOE de Lugo como consecuencia do seu urbanismo á carta”.

Desde o Grupo Popular avanzaron que presentasen preguntas e que tamén se pedirá acceso ao expediente para “clarificar que foi o que pasou e os motivos polos que Lara Méndez non esperou dúas semanas á nulidade do convenio, tras cumprirse o prazo de catro anos que como máximo teñen de duración os convenios por mor da entrada en vigor, o 2 de outubro de 2016, da lei de Réxime Xurídico do Sector Público”.

Desde o Partido Popular recriminamos “a basta manipulación dos feitos e o intento de Lara Méndez de tentar facernos crer que parou un expediente que ela mesmo iniciou e executou cando puido resolver o convenio con custo cero para o concello, e que quen o parou foron tanto o interventor como o Consello Consultivo de Galicia cando detectaron a ilegalidade do mesmo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com