A Confederación Intersindical Galega (CIG) informa que na xornada de hoxe a empresa Tegestacín ven de comunicar á representación legal do persoal o inicio de período de consultas para a extinción da totalidade das relacións laborais da factoría de Outeiro de Rei.
A noticia foi trasladada hoxe en asemblea ó persoal polo comité, “sendo o particular e ‘macabro’ ‘agasallo de Nadal’ da empresa ó seu persoal, por diante fican datas intensas nas cales haberá que avaliar o contido e xustificacións realizadas pola empresa” .
Dende o comité e o persoal, amosouse a preocupación máxima diante desta situación pero tamén a incertidume polo futuro que a empresa terá para as instalacións.
O comité diante da inminente noticia ten solicitado diversas reunións coa administración galega na intención de que sexa parte interesada polo futuro das instalacións desta industria e na conservación dos postos de traballo.
Dende a CIG manifestan o seu total rexeite da actuación empresarial, quen “ven orquestando o seu particular desenlace nunha clara operación especulativa, sen solución de futuro para o persoal nen para as instalacións da empresa” , dende a CIG entenden que calquer futuro para as instalacións, necesariamente ten que ter cabida o seu persoal.