O Pleno aproba o Plan Unico 2022, malia a abstención do PP

O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante no Pleno ordinario celebrado este martes as bases do Plan Único do ano 2022, que está dotado con 21,5M€ e que simplifica aos concellos a xestión dos fondos ao eliminar trámites administrativos intermedios. A proposta foi aprobada cos votos a favor dos grupos do PSdeG e do BNG, e coa abstención do Partido Popular.

O Presidente da institución provincial subliñou a importancia de dar este paso no ano anterior ao período de  ixencia do plan porque así as entidades locais “poden planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, co que aproveitan mellor os recursos económicos”.

José Tomé destacou así mesmo que dende o inicio do mandato “incrementamos a dotación económica do Plan Único de 21 a 21,5M€”, a ferramenta “máis importante que ten a Deputación para a colaboración cos concellos” e, ademais, “cada ano melloramos as condicións para que sexa máis útil”, subliñou o Presidente, destacando neste sentido que no 2022, como novidade, os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios.

Pola súa banda, a voceira socialista do Goberno incidiu en que este programa “forma parte do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos. Cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”.

Neste sentido, a deputada provincial afirmou que a simplificación dos trámites administrativos, coa supresión de prazos intermedios, que se aplicará no 2022, “algo moi importante sobre todo para os concellos máis pequenos, que teñen menos recursos humanos e técnicos”, súmase a outras melloras implantadas nos últimos anos, “como o incremento do Plan Único ata acadar os 21,5M€, que mantemos este ano, a apertura dunha liña para que os concellos poidan ofrecer apoio á hostalería, ao turismo e ao comercio, dos sectores máis afectados pola pandemia, ou a posibilidade de imputar gastos con cargo a estes fondos dende principios de ano”.

O Goberno da Deputación prevé que a principios de xaneiro xa se poida abrir o prazo para que os concellos presenten os proxectos que queren desenvolver cos fondos do Plan Único, ao aprobarse as bases esta semana.

A abstención do PP

Como dixemos, este Plan Único saíu adiante, malia a abstención dos populares que xa anunciaran onte que non ían apoiar este documento. O voceiro da agrupación, Javier Castiñeira, asegurou que o Goberno Provincial ten “tan pouco cariño” ao Plan Único que “para o 2022 conxela o importe do Plan”. Un estancamento no orzamento destinado a este plan que foi suficiente para que o PP se abstivera na votación. E é que, segundo denuncian, “dado o incremento dos prezos da enerxía e dos materiais de construción”, en realidade, “supón unha rebaixa moi considerable, da aportación real aos concellos”.

Advertía así Castiñeira, antes de entrar no pleno, que o PP “non vai ser cómplice da súa devaluación”. “A enerxía subiu, case un 30% a luz e un 25% o gasóleo, e os produtos da construción tamén un 20%”, explicou o voceiro popular que engadía que “os concellos con este Plan Único van poder facer un 25% menos de obra; non estamos de acordo,  especialmente nun momento de recuperación”.

Os populares avisaban antes do pleno de que non serían “cómplices desa situación e non van apoiar este Plan Único que entendemos que é insuficiente para a recuperación e que non axuda aos concellos a pasar este momento tan complexo cunha suba de prezos que está impedindo investimento e melloras nos nosos municipios; non é o Plan Único que necesitamos para o 2022”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com