Novo record de contaxios na provincia que frea as altas médicas

As PCR e probas de antíxenos seguen resultando positivas. Así, Lugo volve a rexistrar un novo récord de positivos o mesmo día no que se comunicaba un novo falecemento. Doutra banda as altas diarias continúan a frearse co que o aumento de casos activos é imparable.

Así o desvela o último informe do SERGAS que cifra en 2598 os casos activos rexistrados na provincia, unha cifra de récord e é que o máximo que se acadara dende o inicio da pandemia deuse este verán, en concreto o 31 de xullo cando Lugo sumaba un total de 2328 casos activos.

Pero esa non é a única marca que establece hoxe a provincia. Récord de casos e récord no número de positivos detectados. Sanidade notificou nas últimas horas 389 novos positivos detectados onte. Con todo, segundo o último informe do SERGAS, a provincia conta cun 16,2% de positividade, unha porcentaxe alta pero que descende se se compara co pasado 25 de decembro, día de Nadal, no que a área sanitaria rexistraba un 21,1% de positividade.

No tocante ás hospitalizacións, nas últimas horas descenderon levemente. Se onte eran 20 os ingresados nos centros hospitalarios da provincia (6 deles na UCI), hoxe son un total de 17, segundo informou o SERGAS. Destes, 12 se atopan en planta dos distintos hospitais (9 no HULA, 1 na Mariña e 2 en Monforte), e 5 están na UCI do Lucus Augusti.

A estas malas cifras, as peores rexistradas na área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte en canto a número de casos, sumouse no día de onte un novo falecemento, o dun home de 57 anos que se encontraba ingresado no HULA e que tiña patoloxías previas. Con el son 259 os falecidos dende que comezou a crise sanitaria na provincia de Lugo.

Con todo, a cara boa desta xornada non deixan de ser as altas recibidas, en total, dende o inicio da pandemia,  son 21.095 as persoas que poden dicir que superaron á enfermidade, 77 delas na última xornada.

7 días de corentena

Con estas cifras, e tras analizar a evolución da enfermidade unha vez contaxiados, a Comisión de Saúde Pública na que se reúnen o Ministerio de Sanidade  e as distintas Comunidades Autónomas vén de acordar, “por unanimidade” reducir a corentena de todos os positivos por covid-19 a sete días. Ata hoxe, unha persoa que resultara positiva en PCR debería agardar ata 10 días dende o positivo (tres seguidos sen sintomatoloxía) ou ben ata dar negativo nun test para recibir a alta médica.

No momento en que esta medida entre en vigor, segundo informa o Executivo, as persoas que resulten positivas en covid19 só deberán gardar corentena durante unha semana. Isto modifica tamén os días de illamento que deben manter as persoas sen vacinar que sexan contacto estreito dun positivo ata os 7 días. A norma seguirá tendo en conta aos vacinados con contactos estreitos positivos, eles non terán que facer corentena ningunha.

Extremadura, Madrid, Castilla-La Mancha, Castilla y León, Baleares o Catalunya foron algunhas das comunidades que xa adiantaran o seu voto a favor desta medida, malia que na votación do Consello saiu aprobada por unanimidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com