O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prohibir as reunións entre non conviventes, en espazos públicos e privados, entre as tres e as seis da madrugada, en toda a comunidade autónoma, desde as 00.00 horas do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do próximo 18 de xaneiro. A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo tamén permitiu á Xunta ampliar a todo o horario de apertura o requisito de presentar o certificado de vacinación ou de proba diagnóstica negativa para acceder ao interior dos establecementos hostaleiros. Os xuíces entenden que a adopción destas medidas está xustificada polo “relevante risco” de transmisión da COVID-19 existente nestes momentos en Galicia.
O tribunal destaca no auto, notificado hoxe, que as medidas implican a restrición, “en grao mínimo”, de dereitos fundamentais, en relación “á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde”. Os maxistrados lembran que continuamos “nunha situación epidemiolóxica que determina un risco de transmisión do virus crecente, acentuada polo avance na prevalencia da variante Ómicron”. Ademais do “dano intrínseco” que está a ocasionar na poboación afectada, o TSXG advirte de que “ocupa progresivamente maiores recursos do sistema público de saúde de Galicia”.
Na resolución, os maxistrados fan referencia a estudos científicos que tiveron en conta á hora de ditar outros autos relacionados con medidas sanitarias que implican limitación ou restrición de dereitos fundamentais, pois aseguran que o informe remitido nesta ocasión pola Xunta de Galicia se atopa “completamente orfo de identificación dos informes e estudos que se empregan como base das afirmacións nel recollidas”. Os xuíces advirten ao Goberno galego que existe “ausencia de motivación na petición das medidas solicitadas”, o que lles obrigou a recorrer ao contido das súas anteriores resolucións, “única forma de verificar se as medidas propostas resultan idóneas, necesarias e proporcionadas”.
Dereito de reunión
En canto á prohibición de reunións entre non conviventes entre as tres e as seis da mañá, o TSXG subliña que se trata dunha restrición ao dereito de reunión que “non é absoluta”, porque “está vixente o dereito para persoas conviventes e acompáñase dun importante número de excepcións que o manteñen, por razóns laborais, sanitarias ou doutra índole”. E, ademais, recalca que se restrinxe durante o tempo “que habitualmente se emprega de forma maioritaria para o descanso nocturno”. Por estas dúas características, considera que “se pode falar dunha limitación tenue do dereito, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo”.
A Sala tamén considera que concorre a proporcionalidade entre o ben para protexer -a saúde pública- e o sacrificio do dereito de reunión debido ao empeoramento da situación epidemiolóxica na comunidade. Así, sinala que da “evidencia científica” dos informes que foron analizados pola Sala e que constan nas súas anteriores resolucións, inférese “a eficacia da medida proposta” para conter a transmisión do virus. Ademais, asegura que “non existe forma non farmacolóxica menos invasiva de conter a expansión do virus que limitando o número de persoas reunidas, circunscritas, no caso de autos, a un período horario que atenúa moito o sacrificio do dereito de reunión”.
Dereito á intimidade e á igualdade
En canto á ampliación da esixencia de presentar o certificado COVID-19 durante todo o horario de apertura dos locais, o TSXG sinala no auto que a medida pode supoñer, como declarou o Tribunal Supremo nunha sentenza do pasado 14 de setembro, “a limitación tenue dos dereitos fundamentais á intimidade e á igualdade, pola concorrencia coa necesidade dunha forte salvagarda dos dereitos á vida, á integridade física e á propia saúde”.
A Sala entende que esta extensión no horario -ata o de agora só se requiría a partir das 21 horas- dotará “de máis eficacia” á medida, pois “a situación de risco que se evidencia á hora de quitar a máscara para comer ou beber non é distinta en función da hora do día en que se produce”. O TSXG considera que a ampliación do control de acceso a todo o horario de apertura “non supón un sacrificio adicional substancial de dereitos que mereza unha ponderación diferente á xa realizada”.