Mestre ma non troppo, a última montaxe da compañía de teatro e clown Bandullo Azul, poderá verse mañá no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, dentro da programación de Nadal do Concello.
A obra, dirixida por Fran Ameixeiras e interpretada por Fran Campos, conta a historia de Mestre, que vive os seus días cunha cadeliña ‘Bequi’ e unha asistenta dixital ‘Nucha’. O protagonista leva anos sen tocar a guitarra e a frustración comeza a xuntarse con outros condimentos fatais que o seu pai foi canalizando sobre Mestre creando un trauma que lle impedirá gozar do que máis ama: a guitarra. Coa axuda das súas compañeiras, terá que loitar contra os seus demos e medos, sempre coa mirada posta na guitarra e as palabras do seu pai resoando na súa cabeza.
Mestre ma non troppo é unha “comedia triste” que xira arredor da “poética do fracaso”. Pequenos, (grandes), traumas que podemos chegar a recoñecer en nos mesmos. Mestre ma non troppo pretende acompañarnos de volta á casa convidándonos a pensar sobre a nosa propia “actuación” e sobre as nosas metas.
Entre xogos, lembranzas e loitas… a música está moi presente, (algunhas obras tocadas en directo. Fran Campos ademais de pallaso e actor, tamén é guitarrista profesional). En escena inclúense obras de guitarristas e compositores “clásicos” destacados: Francisco Tárrega, Heitor Villa-Lobos, Gáspar Sanz, Jorge Cardoso, Leo Brower, Bach, Vivaldi…
Moitas grazas por todo e agardamos que sexa do voso interese.
Fran Campos