Hoxe votouse en sesión plenaria do Parlamento Europeo a estratexia da UE para a igualdade entre mulleres e homes apos de 2015, un chamamento á Comisión para adoptar unha nova estratexia de igualdade independente para os dereitos das mulleres e a igualdade de xénero destinada a “crear a igualdade de oportunidades e poñer fin a tódalas formas de discriminación”.
O texto aprobado, tamén co apoio de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), fai fincapé na necesidade de “poñer fin a todas as formas de discriminación que sofren as mulleres no mercado laboral con respecto aos salarios, as pensións, a toma de decisións, o acceso aos bens e servizos ou á conciliación da vida familiar e laboral”, subliñando tamén a necesidade de articular coordenadamente medidas contundentes contra a violencia machista a nivel da UE .
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lidia Senra, valorou positivamente a aprobación deste documento sinalando que é “unha ferramenta máis para seguirmos loitando, como sociedade, contra o machismo”, mais advertindo “non é a primeira vez que se consensúan posicionamentos que logo só quedan no papel”.
Para Senra, “só ca loita e a presión que podamos facer socialmente, nas rúas, ca nosa acción diaria, ca nosa vixilancia sobre as institucións, mantendo fortes as reivindicacións do Feminismo, lograremos que estratexias como a aprobada hoxe deixen de ser só palabras e se convertan nunha realidade”.
A eurodeputada destacou os datos de mulleres asasinadas “só no que levamos de ano os datos oficiais falan de 14 asasinos machistas no Estado, incluído o de María Isabel o pasado 8 de maio”, precisamente mentres estaba ingresada no Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) logo de ter sido brutalmente atacada polo mesmo home que finalmente a asasinou, “datos aos que, segundo as últimas informacións coñecidas, temos que engadir tamén a Socorro Pérez, ademais de a todas aquelas mulleres que non están recollidas nas cifras oficiais”.
E engadiu que, esta situación “evidencia a arrepiante falla de responsabilidade ca que os distintos Gobernos están a obviar o carácter estrutural da violencia machista. Para cando van asumir que vivimos nunha sociedade na que as mulleres, polo simple feito de sermos mulleres, estamos baixo o perigo constante de sermos atacadas ou mesmo asasinadas?”.