Galicia comeza 2022 con 5.252 contaxios novos de coronavirus e unha cifra de casos activos que superarán os 50.000 nos próximos días e aínda non celebramos Reis. Nesta situación de pandemia cun incremento do número de contaxios alarmante resulta “perigoso e neglixente”, por parte da Xunta de Galicia, seguir a autorizar actividades cinexéticas. Así o din dende Ecoloxistas en Acción quen pide ao Goberno Autonómico e ao seu presidente que teñan “sentidiño” ante esta situación e suspendan os campionatos de raposo deste ano.
“O período hábil para a caza menor remata o 6 de xaneiro, salvo algunha autorización de prolongación. A partires desta data empréganse só modalidades de caza maior como batidas e montarías onde os grupos de cazadores son moito máis numerosos. Na batida o número mínimo de cazadores é de 10 e o máximo de 30. Na montaría o número de cazadores está entre 20 e 50 ademais dos batedores”, razona o colectivo.
Asemade, Ecoloxistas en Acción dise coñecedora de que se están a celebrar competicións de caza durante todo o ano “organizadas pola Federación Galega de Caza ou por sociedades de cazadores”, sendo xaneiro o mes que máis competicións concentra, pois “só para o día 8 e só programadas pola Federación Galega de caza hai 5 competicións”, resalta o colectivo.
“Nas circunstancias actuais da pandemia, coidamos que é necesario e urxente suspender as batidas, montarías e competicións de caza polo elevado número de participantes, polos desprazamentos que supoñen e polas celebracións que adoitan levar aparelladas”, aconsellan.
Ademais, dende o colectivo critican a falta de transparencia e de información coa cal a Xunta protexe esta actividade o que “fainos temer que os participantes non cumpran coas precaucións que se nos esixen ao resto de galegos e galegas, nin que se lles someta aos controis aos cales somos sometidos o resto de cidadanía como test de antíxenos, PCR, pasaporte COVID, distancia de seguridade, máscaras, etc”. Lembran, asemade, que malia que se trata dunha actividade ao aire libre, “precisa de reunións e contactos entre os participantes”.
“Os cazadores tamén teñen familia, amigos, veciños, compañeiros de traballo, aos cales poden contaxiar se algunha das cuadrillas resulta afectada”, destaca Ecoloxistas en Acción.
Por iso, dende Ecoloxistas en Acción Galiza “esiximos SENTIDIÑO tanto á Xunta como a Alberto Núñez Feijóo e que cancelen estes mal chamados ‘campionatos’ e demais actividades cinexéticas que poidan comprometer a saúde dos galegos e a súa economía”.