A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo clausuran mañá a 30 edición da ‘Operación Quilo’ e ‘Operación Xoguete’.
Durante 3 décadas, desde a entidade levaron a cabo a entrega de alimentos, roupa e xoguetes a familias necesitadas, grazas á solidariedade conxunta da sociedade lucense, e en particular, deste barrio da Milagrosa, onde centran ambas as campañas.
O pasado día 28 de decembro procederon á entrega de máis de 300 caixas de alimentos –cada unha delas de ao redor de 14 Kg- e roupa para as familias que llelo requiriron, dentro da ‘Operación Quilo’.
Así, durante a xornada de mañá procederán a facer o propio dentro da ‘Operación Xoguete’, coas familias necesitadas que así llelo demandaron para os seus fillos. Así mesmo, queren facer un agradecemento especial á Confederación de Empresarios de Lugo “pola súa implicación e chamamento ás empresas” para que realizasen donativos; “e tamén ao Colexio Galén, cuxo fomento da solidariedade entre os seus alumnos viuse patente na entrega tanto de roupa e alimentos como de xoguetes”.
“A este respecto cabe destacar tamén a colaboración dos supermercados da nosa cidade, Gadis –de Avenida da Coruña e Rúa Ourense- e Eroski –de Camiño Real e Rúa Milagrosa- por facilitar que os usuarios depositasen alí os seus donativos de alimentos”, agradecen dende o colectivo veciñal.
Así, no día de mañá ás 12.30 h. a Concelleira do Concello de Lugo e Deputada Provincial, Ana González Abelleira visitará o local da Federación de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo e compartirá cos voluntarios desta entidade unha parte da xornada de clausura da 30 edición da ‘Operación Xoguete’.
“Desde a nosa entidade agradecemos, unha vez máis, a solidariedade da sociedade lucense; máis necesaria que nunca nestes tempos de pandemia. Dita solidariedade é a que permitiu que se faga realidade, unha vez máis o lema da nosa entidade: A Milagrosa: o barrio solidario.”