O Presidente da Deputación de Lugo visitou hoxe o tradicional Belén Viveiro ante o Berce e as instalacións da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (ASPANANE), iniciativas coas que colabora a institución provincial. O Presidente estivo acompañado da Alcaldesa de Viveiro e tamén Deputada de Muller e Igualdade; así como da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo.
A institución provincial colabora co Concello para ofrecer o Belén Viveiro ante o Berce cunha achega de 35.000€, que permite a instalación deste recurso que cada ano atrae a numerosos visitantes. Sitúase no entorno da Igrexa de Santa María e fronte ao convento das Dominicas, no centro histórico da cidade do Landro.
O Concello de Viveiro foi recoñecido por este proxecto na última edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense, promovidos polo Consello Provincial de Turismo, un ente que impulsou e que preside a Deputación de Lugo.
Ademais desta colaboración económica para impulsar o turismo durante as datas de Nadal, a Deputación achega ao Concello de Viveiro 500.000€ a través do Plan Único deste ano 2022 para desenvolver actuacións municipais. Así mesmo, o Presidente anunciou un investimento de 100.000€ en Viveiro para solucionar os problemas estruturais do paseo marítimo.