A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo clausurou hoxe a 30 edición da ‘Operación Quilo’ e a ‘Operación Xoguete’, no seu local da rúa Luís Ameijide.
Ambas as campañas pretenden axudar a persoas e familias necesitadas, grazas á solidariedade da sociedade lucense e, particularmente do barrio da Milagrosa.
Neste punto, desde a entidade fan un agradecemento especial á CEL. –Confederación de Empresarios de Lugo- pola “súa implicación e chamamento ás empresas” para que fixesen donativos a favor desta causa; así como ao Colexio Galén, polo fomento da solidariedade entre o seu alumnado, materializado na entrega de material, xoguetes, roupa e alimentos.
Así mesmo, agradecen aos supermercados da nosa cidade Gadis – de Avenida da Coruña e Rúa Ourense- e Eroski –de Camiño Real e Rúa Milagrosa- por facilitar que os usuarios depositasen alí os seus donativos de alimentos, que foron repartidos entre persoas e familias necesitadas o pasado 28 de decembro.
“Na xornada de hoxe, acompañounos a Concelleira do Concello de Lugo e Deputada provinicial Dna. Ana González Abelleira, e xunto con voluntarios desta entidade, repartiu xoguetes ás familias e nenos que acudiron ao local”.
“O agradecemento maiúsculo por parte da nosa entidade, á sociedade lucense –e en particular, deste barrio da Milagrosa- cuxa solidariedade quedou patente un ano máis –e xa van 30- e que permite seguir facendo realidade o lema A Milagrosa: o barrio solidario”.