OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vilalba Aberta preguntará ao pleno polos recortes de servizos no Centro de Saúde

A responsable de organización de Vilalba Aberta, Mónica González, anunciou na mañá de onte a que será unha das iniciativas centrais da formación municipalista no Pleno Ordinario de xaneiro. Un chamamento ao “consenso político da corporación” ao respecto da necesidade de “reverter os recortes de servizos no Centro de Saúde de Vilalba” e na defensa do “reforzamento da Atención Primaria no Municipio”.

Denuncian dende VA que non se cubran as últimas baixas por xubilación en medicina xeral e advirten do risco que supón que as próximas sigan o mesmo camiño. Na mesma liña, dende a formación lémbrase que dende o mes de Xuño hai veciños que están sen médico de tarde sendo, neste caso, o motivo o cambio de facultativo a outro Centro de Saúde. “En todo ese tempo só tiveron dúas substitutas que, entre unha e outra, estiveron arredor dun mes e agora tanto poden ter cita pola mañá ou pola tarde, independentemente de que que teñan o medico de tarde”, censurou González.

Así, e ao tempo que cualificou de “inconcibible” que haxa esperas de “ata 15 días para unha cita presencial ou telefónica nalgúns supostos”, a responsable de VA explicou que a esta “acelerada perda de servizos” cómpre sumarlle que dende hai tres anos “non temos oculista”.

Para a formación, o denunciado deterioro na asistencia sanitaria redunda negativamente tanto no empeoramento das condicións laborais duns “profesionais que ven redobradas as súas tarefas por ter que facer o que antes facían os seus compañeiros”, como nuns “pacientes que comproban como diminúe a calidade asistencial que reciben, despois de agardar semanas para ter unha cita co seu médico”.

Así, dende Vilalba Aberta houbo palabras de eloxio para os profesionais do Centro de Saúde que, tal e como explicou González, se ven “inxustamente obrigados” a atender a pacientes que quedaron sen asignación médica habitual, o que se traduce nunha “máis que evidente saturación”, tendo e moitos casos estes sanitarios que prolongar a súa actividade fóra do horario laboral ou aumentar a cota correspondente. “A precaria situación na que se atopa o noso Centro de Saúde non é boa nin para usuarios nin para profesionais da sanidade pública”, criticou.

Coa anunciada iniciativa, a formación municipalista pretende que o Concello de Vilalba inste á Xunta a “rectificar os recortes na sanidade pública e poña en marcha unha estratexia que lle dea forza ao “corazón do sistema”, isto é: a Atención Primaria.

“A Atención Primaria, baseada na proximidade, na accesibilidade, na relación directa profesional-doente e na continuidade da asistencia está en risco”. Así o retratou Mónica González, non sen antes urxir a PP e PSOE locais a “unirse á reivindicación” co fin de “dar a batalla” diante dunha situación na que “o descontento, a preocupación e o malestar da veciñanza non fan máis que medrar”. Así e logo de enumerar os recortes autonómicos ao longo dos últimos 12 anos, González criticou que “nun momento de maior capacidade de gasto, pola achega de recursos extraordinarios da UE e do Estado, e en plena sexta onda da maior pandemia sanitaria que coñecemos, “o orzamento medrara tan só un 0,03%”.

Para a responsable de Organización de VA, cando máis sería precisa unha auténtica aposta pola Atención Primaria para sacala do “colapso” no que se atopa, “o orzamento aínda é máis baixo que no ano 2020, 2 millóns de euros menos; 47 millóns de euros menos que no 2009, hai 12 anos, que de aplicarlle o IPC, serían máis de 277 millóns
menos”.

“Estase a recortar aínda máis o orzamento destinado á Atención Primaria, cando xa estamos á cola de todo o Estado, tan só o 12% do orzamento, máis de 2 puntos menos que a media: non só non se aproxima ao 25% que aconsellan todos os estudos, senón que se afasta”, alertou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com