O Concello de Ribadeo pon a disposición de Sanidade o pavillón polideportivo novo para que se fagan probas de antíxenos en saliva sen cita previa, para toda a poboación sen síntomas que queira asegurarse de que non está contaxiada de Covid. Así o anunciou hoxe o alcalde da localidade, Fernando Suárez Barcia, quen explicou que fai esta oferta tras escoitar a petición feita polas autoridades sanitarias e así, “colaborar nesta interesante posibilidade para que a cidadanía de Ribadeo, ou se cadra de concellos achegados a nós, poida facerse probas de antíxenos sen cita previa, para evitar ter que desprazarse a Burela ou a outros puntos máis distantes, co que gañaremos en comodidade, en rapidez e polo tanto, en efectividade”.
O rexedor sinala que a día de hoxe a localidade que goberna conta con 132 casos activos, unha situación de alta incidencia que cotninúa tamén no resto da comarca e da provincia.
Suárez Barcia manifesta que “as autoridades sanitarias indícannos que estarán desde a semana que vén e ata novo aviso, os luns, os mércores e os venres, de 10:00 a 14:00 horas. Serán autotest que farán as persoas que vaian alí e haberá sempre persoal sanitario, para explicar, e indicar as instrucións precisas. Os resultados destas probas sábense ao cabo de poucos minutos”.
E engade: “desde o Concello de Ribadeo habilitaremos os circuítos de entrada e saída neste pavillón da Avenida de Luarca para que todo o proceso se faga con toda a prevención e seguridade posibles”.