Este mediodía foron moitos os lucenses que se sorprenderon de ter cortada ao tráfico unha das vías principais de entrada á cidade. E é que os bombeiros e os corpos de policía local e nacional víronse na obriga de pechar ao tránsito a avenida Infanta Elena entre a rotonda do Ceao e ata o cruce coa avenida Paulo Fabio Máximo tras detectarse unha rotura nun colector de gas.
Os feitos tiveron lugar en torno ás 12:04 horas, do día de hoxe. Sete efectivos do corpo de Bombeiros: o Sarxento Xefe, un cabo e cinco bombeiros conductores, acudiron a Avenida Infanta Elena tras recibir unha chamada do 112 Galicia en relación á rotura dun colector de gas.
Unha vez no lugar da emerxencia comprobaron que se trataba da rotura dunha das tubaxes da rede de gas. Ante a devandita situación, os efectivos do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios proceden á evacuación inmediata das persoas que se atopaban nese momento nos establecementos contiguos ao momento de rotura. Ao mesmo tempo e coa axuda de Policía Local, desvían e cortan o tráfico da zona ante o risco de deflagración, establecendo unha zona cero de seguridade.
Unha vez realizado o corte de gas do colector principal por parte da empresa subministradora, os bombeiros realizaron medicións de todos os establecementos e edificios próximos para comprobar a inexistencia de atmosferas explosivas e poder restablecer a actividade empresarial sen risco para as persoas.
A circulación de vehículos nas inmediacións xa está normalizada, tras permanecer cortada durante as horas que durou a intervención do SPEIS e nestes intres, a empresa suministradora de gas esta a reparar a avaría.