Tempo de cambios (de tempo)

Afirmaba o xeógrafo lucense Río Barja que unha vida humana non abonda para poder medir a evolución climática, e que os cambios que notemos non son tendencias ou alteracións importantes. Comentáballe ao profesor as longas nevadas da miña nenez, unha delas a mediados dos anos cincuenta na que a neve durou dous meses, cando neste século eran flor dun dia, pero el mantiña que o clima é cíclico, e cada ciclo dura centos ou miles de anos.

Co que agora se fala do cambio climático, a saber que pensaría o xeógrafo se soubese que pechamos 2021 con tempo case de verán, comezamos 2022 con fríos e choivas que fan felices ás empresas que explotan os nosos embalses, e temos pronósticos de inmediato bo tempo.

En Lugo, en tempos, decíase que había dúas estacións: o inverno e a de ferrocarril, aínda que logo tamén se incorporou o verán, curto pero cos seus rigores, e logo non deixaron de aumentar, e hai veráns que semellan outonos, primaveras de verán ou invernos primaverais, de xeito que o clima case continental agora é moito máis variado dando lugar a sorpresas nas percepcións ou previsións.

Isto é o cambio climático?… pois a saber, porque o vello profesor deixounos hai anos e non teño a quen preguntar, pero está claro que as cousas non andan ben no envoltorio da terra, e algo raro fai que as cigoñas adianten varios meses a súa chegada a Lugo, que poidesen moitos galegos bañarse no mar polo Nadal, e percibir que todo cambia ao noso arredor. Menos mal que temos un Ministerio de Transición Ecolóxica, que seguro analiza os cambios que os corpos perciben, e cando chegue o momento poderá explicar o que nos pasa, e ogallá solucionalo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com