A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou o venres o compromiso que mantén o Goberno coa modernización do ferrocarril na provincia de Lugo, que se materializa en investimentos como os 3,6 millóns de euros que destina Adif para executar melloras en estacións da liña entre Lugo e Monforte de Lemos.
“Por máis que lle pese a algúns que nunca nada fixeron polo tren na provincia, nós seguimos avanzando na mellora do ferrocarril”, manifestou a subdelegada quen subliñou que “o compromiso decidido deste Goberno coa modernización da comunicación ferroviaria en Lugo é unha realidade, non son palabras que leva o vento, e hoxe damos un paso máis hoxe cun novo investimento programado polo Ministerio de Transportes. Estoume a referir ao investimento de 3,6 millóns de euros que vai realizar para distintas obras nas estacións de Rubián, Oural, Sarria e Laxosa”.
Isabel Rodríguez avaliou así a adxudicación por parte de Adif dunhas obras que forman parte do proxecto de modernización do treito entre Monforte de Lemos e Lugo. Neste proxecto, adxudicado á UTE formada por Petrolam Infraestructuras y Arias Infraestructuras, vanse realizar obras en andéns, pasos inferiores e outras estruturas. No caso da estación de Sarria, a actuación inclúe a construción dunha pasarela peonil para a comunicación entre os andéns e tamén facilitará a permeabilidade entre o nucleo urbán e o barrio do Mazadoiro.
Estas obras súmanse aos distintos proxectos nos que traballa Adif para modernizar o tren na provincia de Lugo, entre os que hai investimentos tan importantes como a construción do túnel de Oural, que xa está en marcha e conta con un presuposto de 50,7 millóns de euros.