E é que a provincia volveu experimentar nas últimas horas un novo baile de cifras. Se ben os positivos aumentaron levemente, o certo é que seguen á baixa se os comparamos cos do sábado ou o domingo; doutra banda están os casos activos que volven a cifras do domingo cunha suba que non chega ao centenar. Por último, as altas baixan o seu ritmo con respecto ás xornadas anteriores onde superaban o medio millar, mentres que a presión asistencial descende moderadamente.
Así, en cifras, segundo os últimos datos ofrecidos polo SERGAS, Lugo rexistrou onte 7557 casos activos, 118 máis que na xornada do luns, pero tan só 10 máis que na do domingo. E é que malia que os positivos detectados nas últimas horas superaron aos da xornada anterior, o certo é que as altas continúan a contrarrestar a forza destes novos casos. Así, o último informe do SERGAS revela un total de 481 positivos novos, preto dos 469 de onte pero moi lonxe xa dos 848 positivos do domingo ou os 966 do sábado.
No que ten que ver coas altas, como dicimos, esta cifra aumentou, de novo de xeito considerable, e é que nas últimas horas 362 persoas recibiron a alta, un freo no ritmo de aumento deste baremo que, nas últimas xornadas, dende o cambio de protocolo, superaba diariamente o medio millar de altas. Así, dende o inicio da pandemia, a provincia rexistrou un total de 27.863 altas de pacientes que superaron a Covid.
No tocante á presión asistencial, nas últimas horas os hospitais da provincia baleiraban tamén as súas camas covid. Mentres en UCI permanecen 6 persoas ingresadas, todas na unidade de críticos do HULA; en planta, os ingresados por Covid baixan dos 62 que había o luns ata os 53 de onte. Así, o HULA suma 35 casos covid, 11 menos que na xornada anterior, mentres que o hospital da Costa e o de Monforte suman un caso cada un, con 10 e 8 pacientes covid en planta respectivamente.