O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou onte o polígono industrial de Cuiña en Cervo, para coñecer de primeira man os danos rexistrados na nave de Distribuciones Carreiras, afectada por un incendio que se declarou na tarde do xoves.
O vicepresidente económico avanzou o apoio da Xunta para facilitar a recuperación da actividade da empresa e, aínda que agora deberán tomar parte as aseguradoras, puxo a disposición da compañía a carteira de recursos cos que conta a Administración galega, así como asesoramento en caso de ser necesario.
Durante a visita, Conde agradeceu o labor de todos os efectivos que participaron no dispositivo de extinción, así como dos propios traballadores que foron os primeiros en tratar de sufocar o incendio.