A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinou 493.100 euros a 138 actuacións para corrixir impactos paisaxísticos levadas a cabo por particulares e concellos lucenses nos últimos meses.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a extraordinaria acollida que tiveron estas ordes de axuda, convocadas de forma pioneira o pasado ano e que na provincia impulsaron, en concreto, 126 reformas particulares -ás que se destinaron 344.000 euros- e 12 municipais -con achegas que suman 149.100 euros-. Os apoios da Consellería cobren o 70% da intervención, polo que se estima que grazas a estas subvencións mobilizouse en Lugo un investimento total de 700.000 euros.
Arias explicou que, no marco da súa aposta polo fermosismo, a Xunta vén de convocar de novo ambos programas para promover obras de reforma ou conservación en vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais. Os particulares terán acceso a un máximo de 3.000 euros, mentres para as entidades locais a subvención poderá chegar ata os 40.000 euros.
O delegado desprazouse hoxe á parroquia de Carballido de Vilalba para visitar unha das nove vivendas particulares do municipio nas que se realizaron traballos de renovación grazas a esta liña de axudas. Este concello foi un dos que máis subvencións recibiu en 2021 para obras de corrección de impactos na paisaxe, só igualado na provincia por Lugo e Palas de Rei.
Entre os concellos con maior número de actuacións particulares aprobadas na provincia figuran tamén os de A Pastoriza, Abadín, Cospeito e Riotorto, con cinco en cada caso; e Becerreá e Castroverde, con catro respectivamente.
A convocatoria de 2022 é moi similar á anterior aínda que se introducen algunhas melloras, como a simplificación dos trámites, a redución da documentación a presentar por parte dos solicitantes ou algunhas especificacións e novidades técnicas incorporadas co fin de ampliar o abano das actuacións subvencionables.
Ademais, adiantouse a publicación de ambas axudas ao mes de xaneiro, co obxectivo de que tanto os particulares como as administracións locais interesadas poidan dispoñer de máis tempo para executar e xustificar as actuacións obxecto da axuda.
Actuacións subvencionables e tipos de edificacións
Entre as actuacións subvencionables inclúense, no caso dos propietarios particulares, obras de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas —tamén das cubertas—, acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento ou substitución de celosías. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 21 de febreiro.
En canto ás subvencións para concellos de menos de 20.000 habitantes, poden pedir ata dúas axudas, unha por cada liña: a Liña I, dirixida a actuar sobre o exterior de edificios ou dependencias de tipo sanitario, educativo, cultural ou administrativo-institucional; e a Liña II, pensada para recuperar equipamentos e elementos de uso público —fontes, palcos de música, lavadoiros e hórreos— que debido ao desuso ou a unha deficiente conservación teñan un impacto indesexable sobre a súa contorna.