O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unamidade a proposta de goberno provincial, promovida polo BNG, en demanda dunha solución definitiva para a situación das veciñas e veciños do número 6 da rúa Mar Cantábrico de Burela e o inicio dun proceso para a creación dunha bolsa de vivenda pública cos inmobles da SAREB en Galicia.
O voceiro do BNG encargouse de defender a iniciativa, que propón abordar de forma global a situación dos activos inmobiliarios da SAREB, constituída con capital público como parte dos mecanismos para rescatar á banca tras a crise de 2008.
O deputado nacionalista reclamou “unha solución definitiva para a situación xerada en Burela, garantizando o alugueiro para as persoas que continúan no edificio pero tamén a prestacións dos servizos de comunidade e o mantemento das zonas comúns por parte da SAREB, como propietaria do inmoble”.
E incidiu, como se sinala nos puntos de acordo da proposta, na necesidade de abrir un proceso de diálogo sobre o futuro dos activos inmobiliarios da SAREB de cara á creación dunha bolsa de vivendas para o fomento da vivenda pública social.
O voceiro nacionalista instou á “Xunta a negociar a transferencia das propiedades para poñer en marcha unha bolsa de vivendas facilite o acceso destinada a facilitar o acceso á vivenda das persoas e colectivos más desfavorecidos e da xuventude”
Nesa liña, Efrén Castro defendeu “a intervención das administracións no mercado da vivenda que”, puntualizou, “non é un ben de consumo máis senón un dereito” e concretou que a crise de 2008 demostrou a ineficiencia das políticas neoliberais que, ademais de imposibilitar o acceso á vivenda para as maioría sociais, crearon a burbulla económica que causou a crise de 2008.
O PP defende a posición da Xunta
A este respecto falou tamén o PP, pero esta vez a favor da Xunta. O voceiro popular, Javier Castiñeira, asegurou ao remate do pleno que a sesión celebrada hoxe puxo de manifesto que o Goberno provincial “traballa pouco e actúa de maneira descoordinada e incoherente”. A veracidade da primeira afirmación queda patente no feito de que a orde do día non incluía ningún asunto de xestión; do acerto da segunda queda testemuña nas posicións asumidas polos dous socios de goberno ao longo da sesión.
A parte máis política do pleno abriuse coa proposta do Bloque Nacionalista en relación co procedemento iniciado pola Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (SAREB) para o desaloxo de 16 vivendas situadas en Burela, na rúa Mar Cantábrico. A iniciativa foi aprobada por unanimidade. O portavoz popular, Javier Castiñeira, destacou que o problema está resolto, polo menos de maneira parcial, grazas a intervención do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que o pasado día 20 logrou o compromiso da SAREB de que renovará os contratos de alugueiro das vivendas protexidas de Burela localizadas nun edificio da súa propiedade, aos inquilinos que se atopen ao corrente das súas obrigas e que continúen a cumprir os requisitos esixidos para o acceso ás vivendas protexidas en alugueiro.
Castiñeira agradeceu a dilixencia coa que actuou á Xunta. Destacou que esta continúa demandado do Goberno central o cambio urxente do criterio con relación aos contratos de alugueiro en edificios propiedade da SAREB, co fin de evitar situacións de desprotección e incerteza entre as familias arrendatarias. O portavoz popular non deixou de apuntar en ton crítico certas “formas abusivas” que aprecia no comportamento da citada sociedade en relación coas persoas que teñen alugados os pisos citados. Castiñeira destacou o relevante papel xogado na solución deste asunto polo portavoz popular en Burela, Manuel Rouco.