A calidade das vías de comunicación é fundamental para permitir o desenvolvemento económico e social dos pobos. Os veciños dos núcleos de poboación que se serven da estrada N-540, entre Lugo e Ourense, saben ben o que é ter que facer uso a diario dunha vía en moi mal estado.
Así o sinala o alcalde de Chantada, Manuel Lourenzo Varela Rodríguez (PP), que lembra que a comisión de seguimento desta vía ten solicitada unha entrevista coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez, dende o pasado mes de outubro, e reclama que tal petición sexa atendida sen máis demora. Varela Rodríguez, na súa calidade de senador, lembra tamén as numerosas iniciativas presentadas por el e os demais senadores lucenses do PP para reclamar a renovación a fondo desta vía.
Di: “Parece que a ministra non quere falar cos afectados da reparación da N-540 e por iso non atende a petición de entrevista que formalizamos en outubro pasado”. O alcalde de Chantada e senador destaca que o estado da N-540 é peor cada día, o que incrementa as dificultades de todo tipo que provoca tal situación. “Nós non temos outras alternativas, nin autovía nin ferrocarril. Necesitamos que esta estrada estea en boas condicións, porque a precisamos para o día a día”.
Manuel Lorenzo Varela lembra que a estrada está mal en todo o seu trazado, pero hai puntos especialmente malos, como é no tramo de Guntín. Lamenta que a ministra de Transportes dea largas á entrevista que solicitou a comisión de seguimento para a mellora desta vía, da que forman parte alcaldes e empresarios, entre outros.
Varela destaca o traballo realizado polo PP, tanto en Madrid como en Santiago para conseguir a reparación desta estrada. Neste sentido lembrou que a finais de ano, os senadores populares presentaron unha pregunta ao goberno e pouco antes defenderan na mesma Cámara, na Comisión de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, unha iniciativa para “instar al Gobierno a arreglar a la mayor brevedad la carretera nacional N-540 para evitar los accidentes de tráfico y los daños en vehículos producidos por el mal estado del firme”.
Pouco antes, no Parlamento de Galicia, aprobouse unha proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do PSdeG, a través da que se require ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o arranxo integral e urxente das estradas da súa competencia en Galicia, nomeadamente da N-540 que comunica Lugo e Ourense.