A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación dun novo treito da estrada provincial que une Lugo con Guntín, a LU-P-2901 por 370.000€ que será renovada entre os puntos quilométricos 5,5 e 13,1 ao seu paso polo concello lucense.
A alcaldesa de Lugo subliñou a transcendencia da intervención “en tanto esta estrada non só dá servizo a varias parroquias lucenses como San Xoán do Alto, O Burgo, Bacurín, Poutomillos e San Pedro de Mera senón tamén doutros concellos, como o de Guntín, mellorando as comunicacións e a seguridade viaria nunha zona que soporta moita densidade de tráfico e na que, ademais, temos constancia da presenza de moitas explotacións agropecuarias. De xeito que o seu acondicionamento reverterá na calidade de vida das e dos veciños do rural, contribuirá a incrementar as dotacións para diminuír a brecha de infraestruturas que aínda existe entre os núcleos e a contorna urbana, ao tempo que redundará igualmente no aspecto turístico e patrimonial ao contar, esta vía, con outra peculiaridade máis como é que parte do seu itinerario coincide en moitos treitos co Camiño Primitivo”, sinalou a rexedora.
Pola súa parte, o concelleiro responsable de Medio Rural puxo en valor, así mesmo, a importancia da colaboración institucional, de maneira que “nun momento coma este, de recuperación dos municipios, no que as conexións resultan fundamentais para vertebrar o territorio e propiciar a dinamización económica, asentar poboación e abrir oportunidades empresariais, as Administracións temos a obriga de camiñar da man para acadar un maior aproveitamento dos recursos públicos. Por iso, logo de ir avanzando anteriormente noutras fases de mellora desta estrada, para o Concello de Lugo resultaba fundamental que se atendera esta demanda cidadá que dende hai tempo a veciñanza nos viña solicitando, como así lle lo fixemos chegar á Deputación”, salientou o edil.
Dende a Deputación Provincial, a voceira socialista do Goberno explicou que con esta actuación “renovaremos o firme nun novo tramo de preto de 8 quilómetros, entre os puntos quilométricos 5,5 e 13,1, ao seu paso polo concello lucense”. Estas obras saen a licitación por 370.000€ e o prazo de execución é de nove meses.
“Estas actuacións dan continuidade a outros dous proxectos de mellora que vimos de realizar. Por unha banda, destinamos 175.000€ para actuar entre os quilómetros 21,3 e 25. E pola outra banda, mellorouse o treito do quilómetro 3,340 ao 5,400 no concello de Lugo por importe de 85.000€”, lembrou a deputada, quen apuntou que con este novo investimento que se aprobou na Xunta de Goberno a Deputación de Lugo destinou nos últimos anos máis de 630.000€ nesta estrada.