O Concello avanza na consecución do ‘Lugo Cota Cero’ con diferentes actuacións que mellorarán a accesibilidade

Alcanzar unha cidade cota cero. Con ese obxectivo o Goberno localacometerá diferentes actuacións para mellorar a accesibilidade nas rúas das cidade. Pequenas intervencións que consistirán, especialmente, no rebaixe dos bordos de varios pasos de peóns da capital pero tamén na substitución do seu adoquinado o que implicará refacer por completo esta parte da calzada.

“Trátase de obras pequenas, aínda que moi importantes no que ten que ver coa consecución dunha mobilidade integradora, que suporán un investimento conxunto próximo aos 50.000 euros e que se executarán atendendo ás demandas trasladas pola Asociación Auxilia coa que mantemos un permanente diálogo e colaboración para mellorar aqueles aspectos urbanos que poden condicionar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional”, afirmou a rexedora.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social deu conta de que, nas vindeiras semanas, comezarán os traballos para reformar os pasos de cebra da rúa Vilalba e Ángel López Pérez, mentres que na rúa do Teatro se eliminará o empedrado existente nos extremos da vía onde se mantén aínda algunha lastra. 

“Actuaremos tamén na Rolda da Muralla, na confluencia con Lois Cordeiro e na Avenida da Coruña, a altura do número 85 e nas proximidades de Perpetuo Socorro, unha rúa na que, durante o pasado exercicio, xa se corrixiron outros tres rebaixes máis”, indicou a edil. 

A eliminación de barreiras arquitectónicas é unha das accións principais do Goebrno local, de xeito que durante os últimos dous mandatos se dotou de elevadores a barrios cunha orografía complexa e cunha alta densidade de poboación.

Tamén se foi substituíndo, de forma progresiva, o pavimento da beirarrúa que circunda a Muralla por outro que resulta máis cómodo e practicable para o desprazamento de cadeiras de rodas ou carriños de bebés, se traballa actualmente en corrixir o desnivel existente nas rúas que circundan o centro de saúde de San Roque e tanto na creación de novos espazos ou nos proxectos de reforma de zonas públicas existentes, como as peonalizacións da Mosqueira e de Quiroga Ballesteros ou a eliminación da pasarela de San Roque con Montero Ríos, xa se prevé a incorporación de solucións accesibles e da cota cero, así como da perspectiva de xénero como aspectos imprescindibles do deseño urbanístico actual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com