O reto ’21 días co galego e+’ reúne a case 4000 persoas

A cuarta edición de 21 días co galego e + bota a andar coa finalidade de promover o uso do galego oral entre a xente nova. Este programa, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade conta coa participación de 3.845 persoas entre alumnado, docentes e persoal de administración e servizos. Unha cifra que aumenta respecto ao curso anterior.

Os centros participantes varían cada ano e, por primeira vez, superan a decena. Na provincia de Lugo, neste curso 2021-2022, o programa vaise desenvolver nos institutos, Monte Castelo (Burela) e Lucus Augusti (Lugo).

Na sesión de apertura, que tivo lugar hoxe ao longo da mañá en cada un dos centros participantes, proxectouse un vídeo no que interviñeron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a profesora e creadora da iniciativa, Pilar Ponte. O representante da Xunta de Galicia quixo “felicitar e agradecerlles ao alumnado, ao profesorado, ao persoal da administración e servizos a tamén ás familias de cada un dos centros participantes que vos incorporásedes a esta experiencia marabillosa e moi produtiva que nos ensina que a vida en galego é posible e que ter unha lingua propia é unha riqueza que, como nos acaban de amosar as Tanxugueiras, non ten fronteiras”.

O secretario xeral de Política Lingüística tamén quixo resaltar que o programa, que arranca a súa cuarta edición, a segunda en pandemia, “continúa a súa expansión ata acadar por primeira vez os 12 centros inscritos e chegando a un número de participantes que xa alcanza os niveis anteriores á crise sanitaria”.

Baixo o lema Creando en galego no século XXI, o alumnado dos 12 centros participantes, comprendido entre os 8 e os 18 anos, comprométese a falar exclusivamente en galego durante as 24 horas do día ao longo de 21 días, é dicir, desde hoxe ata o 21 deste mes.

Disto quedará constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte web da iniciativa onde aparecerán as diferentes creacións dos centros, que deberán seguir e actualizar cada día e no que, unha vez á semana, o alumnado deberá demostrar como supera en grupo os novos retos que se lle indiquen.

Ademais, e continuando co iniciado a edición pasada, 21 días co galego e + contará coas colaboracións externas. Unha delas será a de Galicia por Diante da Radio Galega, onde terá unha sección diaria de luns a venres durante estas tres semanas na que os centros lle contarán á audiencia os temas que trataron e como está a ser a súa participación. Outra das colaboracións establécese co programa Dígocho eu! da TVG, que terá encontros co alumnado dos 12 centros educativos participantes. Pola súa banda, o alumnado realizará vídeos propios co formato característico do Dígocho eu!.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com