A transparencia é un dos parámetros fundamentais á hora de medir á calidade democrática en calquera institución. Sendo así, o PP “non pode poñer boa nota, senón todo o contrario, á xestión do goberno da Deputación”, porque, segundo denuncian, “xa son moitas” ás veces que, “por un motivo ou por outro”, se lles denega, aos deputados populares, acceso á información, ata o punto de ter que pedir amparo á Valedora do Pobo.
Segundo veñen de denunciar os populares no día de hoxe, de novo, dáse unha situación así na Deputación. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis, o presidente da Deputación opta polo ocultismo nas relacións coa oposición, co grupo provincial do PP. De novo, o socialista José Tomé rexeita atender una solicitude de información dos populares, neste caso sobre un escrito rexistrado na Deputación o pasado 13 de xaneiro por un particular”.
Castiñeira di: “Xa nos ten acostumados; ao longo do mandato, o señor Tomé denegou varias solicitudes de información, nalgún caso para coñecer o estado de dependencias da Deputación e outras por diferentes motivos. Esta vez, de novo basea a súa negativa a facilitar acceso ao documento (e copia) rexistrado nun informe emitido pola secretaría xeral”. A vista de como opera, “necesariamente temos que preguntarnos que quere ocultar o señor presidente da Deputación coa decisión de non autorizar o acceso á información solicitada; a que lle ten medo o señor Tomé?”.
Para os populares, “é inaudito que a estas alturas do século XXI se produzan situacións como esta nunha institución pública nun país que vive nun réxime democrático sólido, consolidado”. Castiñeira sinala: “Unha vez máis, o presidente Tomé sorpréndenos poñendo paus nas rodas no noso traballo, no traballo leal que está a facer o Partido Popular como oposición”.
Castiñeira avisa de que “de novo temos que sopesar á posibilidade de pedir amparo á Valedora de Pobo, a que xa tivemos que apelar en ocasións anteriores á vista do ocultismo con que opera o goberno provincial en relación co dereito á información que ampara o labor da oposición”.
No decreto sinálase: “(…) foi solicitada a emisión de informe á Secretaria Xeral desta Deputación Provincial. Dito informe, no que se refire a esta petición, conclúe que a mesma non se atopa incardinada dentro dos supostos dos datos de acceso público polos membros da Corporación”.
Tamén se di: “Dado que a solicitude se refire á obtención de copia dun único rexistro de entrada que non se corresponde con actividade administrativa strictu sensu, estímase que nesta situación non se trataría dun acceso relacionado co exercicio das función propias, senón coa xestión da axenda de Presidencia”. Polo tanto, a resolución é
“desestimar a petición do Grupo Provincial do Partido Popular de data vinte e sete de xaneiro de dous mil vinte e dous, de acceso e copia do documento recibido na oficina de rexistro xeral desta Deputación (…)”.