O Xulgado do Social nº 1 de Lugo vén de condenar o Consorcio Provincial de Bombeiros/as de Lugo (integrado pola Xunta de Galicia, a Deputación e os Concellos), a pagarlle a un traballador a antigüidade e os trienios xerados dende o inicio da relación laboral, neste caso dende o ano 2011.
O traballador, que ademais é delegado da CIG, comezou a prestar servizos como bombeiro condutor no parque de Vilalba en 2011 polo que cumpriría 3 trienios en 2020, pero como en 2019 este servizo pasou a ser de xestión directa polo Consorcio, aínda que a administración lle respecta o complemento de antigüidade que percibía na empresa Veicar, entende que non lle ten que abonar outro trienio até que cumpra os tres anos dentro do Consorcio, é dicir até 2022.
A sentenza, que é firme, determina que son de aplicación as condicións do Convenio de orixe, que neste caso fixaba trienios a razón de 36 euros mensuais, así como que se deben respectar esas condicións máis beneficiosas xa que entende que houbo unha subrogación e non unha contratación nova. Actualmente o prezo do trienio é de 37,72 euros coas actualizacións de IPC, polo que se condena o Consorcio Provincial a pagar as diferenzas salariais dende que o bombeiro cumpriu o terceiro trienio no ano 2020.
A postura defendida polo ente público obriga os traballadores e traballadoras a ter que reclamar os seus dereitos en vía xudicial de maneira individual. Por iso, a CIG insta as partes a unha negociación inmediata dun convenio que unifique as condicións laborais, pois outras sentenzas anteriores fallaron no senso contrario.
Para o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, fica claro que se debe facer extensivo a todo o persoal do Consorcio, uns 120 bombeiros e bombeiras, este mesmo criterio en canto á retribución da antigüidade para non crear máis desigualdades e tamén atendendo ao principio de que, en caso de dúbida, debe primar o criterio máis favorábel para o traballador/a, máximo para manter a igualdade de “a mesmo traballo, mesmo salario”.
Xunto a isto, Niño apunta ao malestar que existe no colectivo xa que non se procedeu á revisión salarial conforme ao IPC real do ano 2021 (6,5%), pois ao ser empregados/as públicos/as, o Consorcio di que lles corresponde un 2%. Mais o ano pasado o persoal empregado público tivo un incremento salarial do 2% e os bombeiros/as do Consorcio nada. Critica Niño que o Consorcio colle o EBEP para unhas cuestións e o convenio colectivo de empresa para outras, segundo interese en cada momento.
Existe tamén malestar entre o persoal porque dende hai nove anos non se lle repón a roupa e están tamén sen traxes de auga. Ademais, hai deficiencias nas instalacións e a falla equipamento para prestar o servizo, polo que se insta o Consorcio a resolver de inmediato as deficiencias nun servizo público que é esencial.