A estabilidade chega de novo á provincia no que a Covid19 se refire. Se ben, na última hora, subiu lixeramente o número de casos activos, o certo é que o número de positivos detectados volve a descender hoxe de xeito importante e a presión asistencial mantense con mínimos cambios.
Así, en cifras, segundo os últimos datos publicados polo Sergas, Lugo conta hoxe con 6429 casos activos, 63 máis que onte. Unha cifra que vén dada por unha certa estabilidade dos positivos detectados mentres que as altas mantéñense por baixo do medio milleiro.
E é que na última xornada, detectáronse 490 novos positivos, unha cifra positiva tendo en conta que a provincia levaba tres xornadas en ascenso neste baremo, acadando onte os 645 novos positivos. Pola contra, as altas baixan ata as 425 nun día, situandose nas 38.798 dende o inicio da pandemia.
No tocante á presión asistencial, mantense nas mesmas cifras que onte malia que presenta lixeiros cambios. Así, a UCI do Hula perde un paciente e queda con 7. Pola súa banda, as unidades asistencias contan con 73 pacientes con covid, os mesmos que no día de onte; os cambios vense por hospitais, dado que o HULA rexistra hoxe 47 pacientes con covid (2 menos que na última xornada) mentres que o Hospital de Monforte de Lemos gañou dous pacientes con covid e queda con 14. O Hospital da Costa mantense con 12 pacientes con covid, exactamente igual que onte.
Para rematar, na última xornada hai que lamentar un novo falecemento polo virus. A vítima número 286 do virus na provincia era un home de 89 anos que permanecía ingresado no Hula, con patoloxías previas.