Terceiro día de folga no sector das conservas que reclaman “un convenio colectivo digno”

O sector das conservas de peixe amenceu hoxe de novo practicamente paralizado como consecuencia do terceiro día de folga para reclamar un convenio colectivo digno. Ao igual que nas dúas xornadas anteriores, centos de traballadoras/es botáronse á rúas en Vilagarcía, Vigo, Boiro e Celeiro (Viveiro) en defensa das súas condicións laborais.

As principais empresas da industria conserveira galega permaneceron sen actividade por efecto duns paros cuxo seguimento non parou de medrar dende a primeira xornada de folga, celebrada o pasado 21 de xaneiro. Ao igual que no día de onte, na cidade de Vigo unha concorrida manifestación percorreu a distancia ente o edificio da Xunta e a sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra. En Vilagarcía celebrouse unha concentración na praza de Galiza, en Boiro tivo lugar outra manifestación e en Celeiro houbo unha concentración diante de conservas Albo.

Dende a FGAMT-CIG amosaron a súa satisfacción polo novo exemplo de dignidade das traballadoras/es da conserva. “Grazas polo voso compromiso coa loita por un convenio digno, é un orgullo ter este equipazo de persoas loitando polos nosos dereitos”, manifestou unha representante da central sindical ao remate da protesta de Vilagarcía.

Durante a intervención sinalou que hoxe remata “o primeiro lote” de convocatoria de folga, “pero a nosa loita non remata hoxe e non rematará ate conseguirmos un convenio digno para as persoas traballadoras do sector da conserva”. En concreto, un convenio que garanta o poder adquisitivo, que supoña “dunha vez por todas” a igualdade retributiva de homes e mulleres, no que fenda salarial “pase a formar parte da historia”.

Un convenio que recolla as garantías legais para que o establecemento da quenda de fin de semana “en ningún caso, absolutamente en ningún caso” supoña a modificación das actuais persoas traballadoras do sector e que sirva exclusivamente para a creación de emprego a través das empresas e non das ETT.

“E para conseguirmos isto, desde aquí e como CIG queremos mandarlle unha mensaxe clariña patronal deste sector: señores e señoras da patronal, cometeron un erro anulando a reunión do pasado 27 de xaneiro e volveron a cometer un erro rompendo a mesa de negociación o pasado 2 de febreiro”.

Por iso instou o empresariado a emendar os erros cometidos, “e para iso pedímoslle que convoque con urxencia a mesa de negociación, que acudan con vontade negociadora para acadar un acordo definitivo e que deixen de utilizar os medios de comunicación para intimidarnos e desdicirse das propostas trasladadas na mesa de negociación”.

Neste senso, reiterou a dispoñibilidade das centrais sindicais para continuar co proceso de negociación do convenio canto antes, “pero tamén dende aquí décimos alto e claro que a nosa disposición a negociar non implica vender os dereitos das persoas afectadas polo convenio das conservas de peixe”.

Finalmente, dirixiuse ao persoal do sector para adiantarlle que ao longo da vindeira semana terá cumprida información dos acontecementos, “e que non vos quede ningunha dúbida de que se a patronal se nega a retomar o proceso de negociación haberá novas convocatorias de mobilización porque esta loita ten un obxectivo claro: conseguir un convenio xusto para o sector da conserva; e mentres non o consigamos, a loita continúa”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com