O PP demanda ao Goberno do Estado que reasigne a Galicia os 70 millóns dos fondos de rescate

O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, demandou hoxe ao Goberno de España que reasigne á Comunidade galega os 70 millóns de euros que quedaron sen executar dos dous últimos plans de rescate deseñados polo Goberno central, “pero que o faga cunhas condicións de acceso máis sinxelas, para que os cartos queden en Galicia e cheguen aos empresarios e autónomos que o necesitan”.

Os populares galegos buscan contar co apoio do Parlamento de Galicia nesta reivindicación e con este obxecto veñen de presentar unha iniciativa na Cámara galega. Balseiro explicou que a Xunta xa realizou a petición formal desta reasignación de fondos, en concreto, a través de sendas cartas remitidas pola Consellería de Emprego e Igualdade e dirixidas ás ministras Nadia Calviño e María Jesús Montero, pedindo a recuperación para Galicia destes cartos que, “polos atrancos impostos polo Goberno central non puideron ser aproveitados”.

O portavoz popular fixo un balance destes programas de apoio activados pola Xunta nos que se evidencia o contraste entre os dous primeiros plans, financiados con cargo a fondos autonómicos e os dous últimos, con fondos de transferencia estatal.

“A comparación é moi sinxela: mentres que os dous primeiros plans de rescate recibiron 80.000 solicitudes coas que se executou practicamente o 100% da contía orzamentada (182 millóns de euros), os dous segundos plans de rescate, coas limitacións impostas desde o Estado, recibiron 15.000 solicitudes que se traduciron en só un 70% do orzamento pagado (166 millóns de euros)”.

A razón desta disparidade no grado de execución estivo “nos difíciles requisitos e na sobrecarga burocrática esixida polo Goberno central para acceder a esta axudas, o que ocasionou que o 30% dos fondos estatais quedasen sen comprometer, e que teñamos que devolver os 70 millóns de euros sobrantes”.

“Dada a situación actual, coa pandemia aínda presente, e con empresas e autónomos aínda con moitas necesidades de apoio, nin podemos, nin queremos permitirnos o luxo de perder eses cartos. Desde o Goberno de Pedro Sánchez aínda están a tempo de rectificar e iso é o que pedimos na nosa iniciativa”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com