A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) presentou unha cuestión prexudicial interpretativa ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) relativa ao pago do complemento de maternidade aos pensionistas. En concreto, os maxistrados do TSXG solicitan ao TXUE que se pronuncie sobre se o criterio do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) de denegar sempre o complemento aos homes e obrigalos a reclamar en vía xudicial supón un incumprimento administrativo, que, en si mesmo, constituiría unha discriminación por razón de sexo, en lugar dun incumprimento normativo, tal e como defende o INSS.
O TSXG indica no auto que esta é a dúbida fundamental que ten sobre a interpretación da normativa do Dereito da Unión Europea. Polo tanto, a súa resposta condicionará a resolución das seguintes dúas cuestións, cuxa aclaración tamén solicita. En concreto, pide ao TXUE que especifique a data na que debe ter efecto o recoñecemento xudicial do complemento, é dicir, se tres meses antes da presentación da solicitude de cobranza ou se, pola contra, se debe retrotraer á data da xubilación ou a decembro de 2019, data na que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea recoñeceu nunha sentenza o dereito dos pais a percibir un aumento da pensión por cada fillo. Os xuíces tamén solicitan, en función da resposta ás dúas cuestións anteriores, que o TXUE ditamine se procede indemnizar aos afectados polos danos e prexuízos causados.
Polo momento, o TSXG acordou suspender, ata a resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o seu ditame sobre o recurso presentado por un pai de dous fillos, quen ten recoñecida por sentenza, desde outubro de 2019, unha prestación de incapacidade permanente absoluta. En novembro de 2020 solicitou ao Instituto Nacional da Seguridade Social o complemento de maternidade, consistente no incremento dun 5 % da prestación, o cal lle foi denegado. Por iso, recorreu á vía xudicial. O Xulgado do Social número 2 de Vigo, en primeira instancia, entendeu que se produciu un incumprimento estritamente normativo, polo que lle concedeu a prestación ao demandante desde a data da súa solicitude, cunha retroacción de tres meses, que é o que establece a Lei Xeral da Seguridade Social para estes casos. O afectado, con todo, recorreu ante o TSXG esa decisión ao entender que lle deben conceder o complemento de maternidade desde a data na que lle outorgaron a prestación -outubro de 2019- debido a que sufriu, segundo o seu recurso, unha discriminación por razón de sexo.