O Parlamento de Galicia aprobou onte por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta que dea prioridade ao proceso de deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles de España en Galicia, que permitiría pechar o ciclo de produción da madeira nesta Comunidade autónoma, así como que se propicie o seu emprazamento preferentemente na comarca de A Mariña e, se os criterios técnicos non garanten a viabilidade deste emprazamento, na provincia de Lugo. Así mesmo, reitérase ao Goberno de España a necesidade de establecer liñas de apoio no marco dos fondos europeos Next Generation para o desenvolvemento deste proxecto coa maior celeridade posible.
A viceportavoz popular, Elena Candia, lembrou que a Xunta, no marco dos fondos europeos Next Generation, “leva traballando máis dun ano no deseño dun polo para a transformación de Galicia que inclúe, entre outros proxectos, o desenvolvemento dunha fábrica de fibras téxtiles sostibles, primordial para o futuro da industria da moda e do sector industrial, que están inmersos na implantación de economía circular”.
Este proxecto con xa coa colaboración dun socio inversor, a empresa portuguesa Altri, que ten asumido o desenvolvemento da iniciativa para producir ata 200.000 toneladas de fibra téxtil ao ano, mobilizando un investimento de 800 millóns de euros e coa capacidade de xerar arredor de 1.500 postos de traballo.
Elena Candia lamentou “a arbitrariedade e lentitude amosada ata agora polo Goberno central na distribución dos fondos europeos, unha situación que preocupa moito a Galicia porque esta lentitude pode supoñer un freo á recuperación económica”.
“Pedimos transparencia e compromiso de apoio por parte do Goberno central para este proxecto de fábrica de fibras téxtiles, que se adapta perfectamente aos requirimentos dos fondos europeos, xa que é sostible, desde o punto de vista ambiental, ao tempo que xera un importante número de postos de traballo”, indicou Elena Candia.