O Goberno comprométese coa Ribeira Sacra con investimentos en turismo, vivenda, eficiencia enerxétiva e dixitalización

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, amosou hoxe en Sober como o Goberno apoia a dinamización da Ribeira Sacra con proxectos e investimentos en turismo sostible, vivenda, eficiencia enerxética e dixitalización. José Miñones desprazouse ata o Concello de Sober coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e mantivo unha entrevista co alcalde, Luis Fernández.

José Miñones subliñou o compromiso do Goberno “cos concellos rurais, coa garantía de servizos á súa cidadanía e coa sostibilidade das actividades económicas e do turismo nestas zonas”. O delegado coñeceu o estado dos programas que financian distintos Ministerios en Sober e amosou o seu convencemento de que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e o Plan de 130 Medidas contra o Reto Demográfico marcarán un punto de inflexión “para que vivir nestes concellos sexa un privilexio e non unha condena”, insistiu. En Sober os investimentos do Goberno superaron os 600.000 euros, apuntou.

José Miñones repasou co alcalde de Sober, que é tamén presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, os avances no Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra, que conta coa financiación de 850.000 por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O Plan vén de cumplir o seu primeiro ano de vixencia no que se puxeron en marcha medidas de mobilidade sostible, distintivos de calidade turística, melloras de sinalización e deseñaron iniciativas que se executarán ao longo deste ano.

Tamén abordaron a participación de Sober no último acordo do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 polo que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana destinará 100.000 euros para apoiar a rehabilitación de 16 vivendas na ARI deste Concello. O delegado destacou que Sober é un dos nove municipios da provincia de Lugo que se benefician deste reparto de fondos, e que, coa aportación da Xunta, do concello e dos particulares perceptores das axudas, mobilizará investimentos superiores aos 280.000 euros en Sober.

José Miñones tamén anunciou que Sober se beneficia da primeira convocatoria do Programa ÚNICO-Banda Ancha do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital para a extensión da banda ancha, “unha importante aposta do Goberno para que a conexión a internet de alta velocidade chegue de verdade a todo o territorio galego en igualdade”.

Sober tamén se beneficiou das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica para proxectos de trasncición enerxética en entidades locais. Estas axudas permitiron ao Concello de Sober acometer a renovación do alumeado público municipal coa concesión máis de 500.000 euros para desenvolver en tres fases os proxectos de instalación de luces tipo LED e renovación de instalacións e cadros eléctricos en todo o municipio.

O delegado tamén destacou o recente convenio asinado entre o municipio e o Ministerio de Educación para a posta en funcionamento dunha Aula Mentor.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com