O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitaron esta mañá a oficina integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno desta localidade, situada no edificio administrativo da Xunta na cidade da muralla, comprobando o labor realizada ao longo destes meses para acompañar e axudar aos galegos do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida.
Esta oficina, xunto as situadas en Ourense, Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar aos galegos retornados e aos seus familiares. Tamén explican tódolos programas da Secretaría Xeral da Emigración dirixidos á diáspora, así como asesoran sobre os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso dos familiares con outra nacionalidade, tamén orientan no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial coma telemático.
Dende a súa posta en marcha, en febreiro de 2020, as oficinas integrais das catro provincias asesoraron a un total de 8.153 persoas, acompañándoas na súa integración en Galicia e informándolles sobre as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións.
Así, en total, realizáronse 29.292 consultas, das que, 3.213 estaban relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos…); 13.519 tiveron que ver con temas sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; 6.630 tiñan que ver con temas laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego, e finalmente, 3.831 cuestións tiñan relación con outros trámites.
A oficina situada en Lugo, que atende a toda a provincia, respondeu cuestións tanto presenciais como telefónicas a 466 persoas, e resolveu un total de 1.876 consultas das cales, 330 foron cuestións educativas, 1.335 sociais e 380 laborais.
A posta en marcha destas oficinas formou parte da anterior Estratexia Retorna do Goberno galego que contou cun orzamento global de preto de 500 millóns. Nestes intres, tal e como destacou Rodríguez Miranda, “estamos xa a traballar na nova Estratexia que se porá en marcha este mesmo ano e que permitirá continuar a acompañar persoalmente aos galegos do exterior en todo o proceso de retorno”.