O Goberno local reafírmase na falta de competencias dos concellos para xestionar as sancións relacionadas coa Covid

O Goberno local pronunciouse esta mañá sobre a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo ao respecto da xestión municipal das sancións Covid cursadas con anterioridade á modificación da Lei 8/2021, de 25 de frebreiro, para reafirmarse no posicionamento que, dende o primeiro momento, o Executivo de Lara Méndez sostivo sobre a falta de competencias dos Concellos para actuar nesta materia.

“Un aspecto que lle trasladamos á propia Xunta, xa en decembro de 2020, cando lle remitimos o informe coas actas levantadas pola Policía Local (558) até ese momento por infraccións á Lei de Saúde de Galicia, advertíndolle que pese a estar habilitando un dispositivo para tramitalas, non concordábamos co ditame emitido polo Consello Consultivo, ao entender que a titularidade era autonómica como así o entendía tamén a Asesoría Xurídica municipal”, lembrou o tenente de alcaldesa.

“Esta sentenza vén a referendar que o noso criterio era acertado, en consonancia co da Avogacía do Estado, e que a determinación da Xunta non era máis que unha derivación indebida de funcións, unha nova mostra do seu empeño por delegar nas Administracións locais cada vez máis obrigas pero sen aportar ningún tipo de recurso para que poidamos asumilas”, afeou o tamén portavoz municipal.

De feito, o voceiro recordou que, para poder abordar a tramitación destas sancións, o Concello tivo que modificar, en febreiro de 2021, o contrato en vigor para incrementar o cometido da empresa que presta colaboración na xestión administrativa e recadación de multas, ante a insuficiencia de facelo con medios técnicos e recursos humanos propios, o que lle está a supoñer un custo anual de 58.080 euros a razón de 40 € (sen IVE) por cada boletín/acta tramitado.

“A propia maxistrada deixa constancia das eivas que tiveron as pretensións da Xunta, fundamentándoas, primeiro, en que o marco normativo que rexía non as contemplaba, e, logo – e precisamente para corrixilo – na modificación que houbo que realizar á Lei 8/2021 de 25 de febreiro para favorecer o seu encaixe xurídico”, engadiu o voceiro local.

O edil matizou, así mesmo, que os recursos admitidos até o momento non cuestionan, en ningún caso, a potestade das Policías Locais para impoñer as devanditas sancións, “senón que o que verdadeiramente poñen en tela de xuízo é a interpretación forzada que se lle atribuíu ás e aos alcaldes en relación ao cumprimento das medidas de prevención aprobadas para a loita contra a COVID, cando a regulamentación que estaba en vigor nese intre, delimitaba á perfección cales eran as competencias dos Concellos – e que tantas veces defendemos – nesa materia”.

O tenente de alcaldesa referiu, alén, que “dende que Goberno galego tomou o mando do control da propagación da pandemia – o 12 de xuño de 2020 – e até febreiro de 2021, que foi modificada a lei, a Policía Local detectou ao redor dun millar de incumprimentos ás restricións establecidas no marco da crise sanitaria. De todas elas, só se rexistraron en torno a dunha ducia de recursos – sobre os que cabe pensar que a sentenza coñecida sentará precedente – sen que exista, até o momento, posibilidade legal para o resto de multas tramitadas de presentar alegacións de forma extemporánea”.

“Atendendo a este factor, o percorrido económico do ditame será, por tanto, escaso se ben, non podemos esquecer que aos Concellos actuar con responsabilidade e someternos ás consideracións do Consello Consultivo nos ocasionará, ademais, ter que repercutirlle ás arcas muncipais os gastos derivados das costas procesuais. Fraco favor nos fixo á Xunta ás administracións máis próximas á cidadanía”, concluíu o concelleiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com