A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o impacto social que ten na provincia de Lugo a revalorización das pensións por parte do Goberno, unha medida que supuxo un aumento de 3,8 millóns de euros nas nóminas aboadas en xaneiro aos pensionistas da provincia.
A subdelegada, que visitou hoxe en Sarria a oficina da Seguridade Social, resaltou “o gran paso dado polo Goberno cara a dignificación das pensións en España” coa decisión de revalorizar nun 2,5% as pensións contributivas. Na visita, a subdelegada estivo acompañada polo director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e pola primeira tenente de alcaldesa, Reyes Abella.
Isabel Rodríguez destacou que a medida acordada polo Goberno beneficiou a 114.932 pensionistas lucenses aos que a Seguridade Social aboou en xaneiro un total de 95.176.087 euros. No mes de decembro, o total da nómina aboada fora de 91.313.854 euros. Á nómina de xaneiro hai que engadir outros 19.363.563 euros cos que a Seguridade Social compensou o desvío que se produciu respecto da inflación prevista. Neste caso, foron 112.366 os pensionistas da provincia que percibiron unha media de 172,33 euros de compensación polo aumento no IPC.
Continúa así o avance nas medidas que vén adoptando o Goberno para mellorar as pensións, como o demostra o feito de que en xaneiro de 2021, a pesar de que a cifra de pensionistas da provincia era máis elevada, 115.263, o importe das nóminas aboadas daquela pola Seguridade Social foi moi inferior: 90.062.693 euros.
Isabel Rodríguez lembrou que a reforma da Lei de Pensións supón o cumprimento dun novo compromiso por parte do Goberno. Destacou que “para o Goberno é de xustiza mellorar as pensións e a calidade de vida das persoas no momento no que chegan ao final da súa vida laboral”.
Rodríguez resaltou a importancia decisiva que teñen as pensións na provincia de Lugo e lembrou o papel fundamental que desempeñaron os pensionistas durante a pandemia e en anos anteriores, con motivo da crise económica, pois axudaron cos seus ingresos ao sostenemento de moitas economías familiares.
A subdelegada destacou que a reforma da Lei de Pensións, que é froito do acordo social e non unha imposición, ten a virtude de aportar certeza aos pensionistas, ao asegurar que as súas pensións revalorizaranse tanto como suba a inflación. Neste sentido, incidiu no prexuízo causado polo anterior marco, co mal chamado factor de estabilidade, que lle provocou unha perda do poder adquisitivo do 7,5% aos pensionistas.