O Concello presenta o servizo de cita previa a través da web para os servizos municipais

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López e o Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo presentaron o sistema de cita previa para os servizos municipais a través da web, que comeza a funcionar hoxe. Cristina López explicou que “a veciñanza de Lugo poderá solicitar cita a través da web do concello, reducindo a carga de chamadas que cada día recibe o 010 para solicitar cita para os servizos”, e engadiu “a cita previa telefónica continuará activa para facilitar o acceso ao Concello a todas as que non se desenvolvan ben coa tecnoloxía”.

O sistema de cita previa está dispoñible para os servizos de Augas, Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería. Para solicitar a cita, deberase iniciar o procedemento a través do formulario habilitado na web concellodelugo.gal, seleccionando o servizo ao que se dirixe e o tipo de trámite a realizar, e escoller a data e hora desexada para presentarse no Concello. Despois deberanse cubrir os datos persoais da solicitante, incluíndo un teléfono de contacto e un correo electrónico, medios aos que chegará unha mensaxe confirmando a reserva da cita.

A través do mesmo trámite da web do Concello, pode eliminarse unha cita solicitada previamente, liberando a hora para que outra persoa poida asistir a realizar un trámite nese momento.

Cristina López afirmou que “queremos facilitar á veciñanza o acceso aos trámites presenciais no concello, reducindo a carga de chamadas que atende o 010, garantindo que todas as persoas poidan ser atendidas de maneira fluída e sen retrasos”.

En resposta ás preguntas dos medios, Cristina López explicou que desde a área de Participación “contactamos con todos os servizos que contan con atención ao público para facilitarlles o acceso á cita telemática”, e engadiu “algúns servizos decidiron non participar debido á especificidade da atención ao público que ofertan, mais no caso de querer unirse á cita previa telemática, temos todo preparado para que en 24 horas aparezan no sistema”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com