A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a Xunta de Seguridade que estudiou o dispositivo que velará pola seguridade con motivo do paso pola provincia da proba ciclista “O Gran Camiño”. A carreira, que se disputará do 24 ao 27 de febreiro, terá dúas etapas na provincia de Lugo, concretamente nos concellos de Pantón e Sarria. Na xuntanza participaron, ademais dos organizadores, o alcalde de Pantón e o concelleiro de Seguridade Cidadá de Sarria; o xefe territorial da consellería de Presidencia, Turismo e Xustiza; o xefe provincial de Tráfico, o xefe da Compañía de Monforte da Garda Civil e o capitán do Subsector de Tráfico da Garda Civil, ademais de responsables da Policía Local de Sarria e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Trala xuntanza, a subdelegada do Goberno informou de que a Garda Civil organizou un dispositivo de seguridade viaria que acompañará aos ciclistas durante a volta, que estará composto por 46 gardas civís. Neste operativo participarán tamén axentes da provincia, 30 na etapa do sábado e 40 na do domingo.
Isabel Rodríguez pediu aos cidadáns que se informen de horarios e itinerarios da proba, así como das posibles alternativas. Tamén fixo un chamamento a todo o público que se congregará para presenciar o paso dos ciclistas pola provincia para que respecten á sinalización e atendan as indicacións da organización e do dispositivo de seguridade da proba.
A terceira etapa, entre Maceda e Luintra, disputarase o día 26 e discorrerá en parte -21,100 km- polo concello de Pantón. As estradas da provincia polas que pasarán os ciclistas son a LU-P-4103, LU-P-4104 e N-120A. A entrada na provincia de Lugo está prevista para as 16:40 horas e a saída será, aproximadamente, ás 17:37 horas.
Ao día seguinte, o 27, terá lugar a derradeira etapa da proba, unha contrarreloxo que se disputará integramente no concello de Sarria, con un percorrido de 15,800 km. A saída está prevista para as 11:42 horas, da rúa Calvo Sotelo, e o remate ás 14:30 horas, na rúa do Castelo.