A Deputación reclama á Xunta que se implique na defensa dunha mellor atención bancaria

A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que se implique na defensa dunha mellor atención bancaria para as persoas maiores. Así o acordou este martes o Pleno da Corporación provincial coa aprobación dunha moción do grupo do PSdeG, que contou co apoio do BNG, mentres que o PP se abstivo.

A proposta socialista parte das reclamacións da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo sobre cuestións transversais como a necesidade de ampliar horarios de atención ao público das oficinas, garantir a atención presencial a maiores que non contan con competencia en medios dixitais, ou medidas de seguridade nos caixeiros; pero fai corresponsable á Xunta pola súa inacción.

Concretamente, a institución provincial instará ao Goberno galego a mostrar o seu respaldo ás reclamacións de mellora na atención bancaria formuladas polas  plataformas da terceira idade e do rural; a tomar medidas para garantir a presenza de sucursais bancarias en tódolos concellos da provincia; a primar as operacións con aquelas entidades que garantan a prestación de servizos bancarios dun xeito adecuado; a excluír da participación na xestión dos fondos de reconstrución a aquelas entidades que non cumpran estas condición; e a elaborar unha Carta de Servizos Básicos que garanta o dereito de todos os galegos e galegas a non quedar excluídos da prestación dos servizos básicos de carácter financeiro.

O Deputado de Promoción Económica e Social argumentou que “subvencionar a instalación de caixeiros nos concellos onde non hai oficinas bancarias non é a solución”, que son moitos os maiores que non son quen de desenvolverse coa banca dixital e que a perda dos postos de traballo no sector supón xa o 27,5% desde o 2008, con máis de 5.000 empregos destruídos.

Concellos como Negueira de Muñiz, O Páramo, Ribeira de Piquín y Samos carecen xa de oficina bancaria no seu municipio e no caso de Samos, isto supón un prexuízo para os veciños, pero tamén para os moitos peregrinos que pasan pola vila, situada no camiño de Santiago.

Pola súa banda, os populares, que se abstiveron na votación desta moción, amosou a súa sorpresa polo feito de que os socialistas presentaran o que tildaron de “moción paralela” á que a Asociación de Xubilados lle solicitou aos populares que defenderan en pleno.  Non entendemos, dicía o portavoz popular antes do pleno, “como o PSOE trae outra moción dirixida a enfrontarse á Xunta de Galicia, cando, segundo entendo, o obxectivo dos pensionistas era outro, é dicir, buscar unanimidade nesta institución e aprobar textualmente a moción proposta por eles”. Unha moción que chamaba a atención sobre o Goberno do Estado e non sobre o galego.

Cesión de terreos ao Concello de Antas

Noutro senso, o Pleno da Deputación de Lugo acordou por unanimidade a cesión gratuíta ao Concello de Antas de Ulla os terreos destinados a un polígono industrial, unha infraestrutura que non puido desenvolver porque a entidade local non fixo a recualificación necesaria das parcelas de solo rústico a solo industrial, un paso que é imprescindible para poder sacar adiante o parque empresarial. O PP cambiou o sentido do voto e, mentres no caso da proposta elevada polo Goberno ao Pleno en decembro para ceder ao Concello de Trabada seis parcelas provinciais para desenvolver un polígono se abstivo e criticou a petición da Alcaldesa Mayra García, no caso da solicitude do Alcalde de Antas votaron a favor sen facer ningunha intervención, o que demostra a súa incoherencia.

Atención sanitaria

O Pleno aprobou asemade unha moción do Goberno para demandar á Xunta a normalización da asistencia en atención primaria, recuperando a atención presencial para todas as persoas que o soliciten e limitando as consultas teléfonicas ou telemáticas a actividades complementarias, garantindo tamén que esa atención se faga sen demoras co aumento do número de profesionais que as atenden. Unha moción que saiu adiante malia os votos en contra do PP.

Na exposición da proposta, a voceira do Goberno sinalou que “a Xunta está aproveitando a pandemia para acelerar a súa política de deterioro da sanidade pública” e referiuse á situación dos centros de saúde Xermade, Chantada, Pantón, Castro de Rei ou Lugo.

No caso concreto de Lugo, a voceira referiuse “á saturación do centro de saúde da Milagrosa e ao PAC de Fingoi, dous anos despois de que a Xunta decidira concentrar toda a actividade de medicina xeral e pediatría do concello”. A  consecuencia é, dixo, “un persoal agotado e persoas usuarias sufrindo situacións de angustia que fan que a situación sexa insostible”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com