A Deputación e o Concello de Lugo constituíron este martes a comisión de seguimento do convenio de cesión do Fogar de Santa María nunha reunión celebrada na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos que estivo presidida polo Presidente provincial, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e na que participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Secretario Xeral da entidade provincial, José Mourelle Cillero, e o interventor do Concello lucense, Manuel Vázquez Fernández.
A constitución desta comisión é precisa para tomar calquera decisión sobre Santa María, segundo a última modificación do convenio de cesión do inmoble entre a Deputación e o Concello, acordada no ano 2009, e que no seu punto cuarto di: “cantas cuestións poidan suscitarse respecto á interpretación, aplicación e desenvolvemento das condicións contidas nas devanditas bases, serán resoltas por unha comisión composta polo Presidente/a da Deputación Provincial e o Alcalde/sa do Concello de Lugo”.