O Concello de Cervo vén de iniciar as obras que van dotar dun sistema público de abastecemento de auga ao burgo de Trasbar, na parroquia de Castelo.
O rexedor, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García Caramés, e a edil de Obras, Mali Méndez, xunto coa pedánea da zona, Marina Díaz, supervisaron as obras que se están levando a cabo na zona.
O proxecto, que consta de tres fases, ten por obxecto a dotación do subministro de auga potable ao núcleo de Trasbar, mediante a conexión coa rede xeral de auga existente. Nunha primeira fase, completouse a o tramo que vai desde A Senra ata a igrexa de Castelo; nesta segunda fase executarase a canalización do tramo que vai desde as inmediacións da igrexa ata a mesma entrada do burgo, cunha lonxitude de 2.300 metros; e a continuación levarase a cabo a terceira fase, e definitiva, que será a de distribución de auga.
Este proxecto segue a liña argumental do equipo de goberno de levar o abastecemento de auga e saneamento a todos os puntos da xeografía municipal, tentando equilibrar a balanza de condicións das zonas rurais coas urbanas.
O orzamento da actuación ascende a un total de 133.020 euros. Villares precisou que “levbamos xa un tempo traballando conxuntamente na posta en marcha desta prestación para que os habitantes da zona rural de Trasbar podan acceder a este servizo público en condicións de calidade e seguridade”.
“Desde o noso equipo de goberno traballamos para chegar a todos os puntos da xeografía do noso municipio e tentar equilibrar o nivel de servizos das zonas rurais coas zonas máis urbanas” engadiu o rexedor. Por último, o alcalde quixo apuntar que “estas inversións nas zonas rurais elevan o nivel de calidade de vida da veciñanza e poden servir de incentivo para moitas persoas que podan ter pensado establecerse no noso municipio”.