Un obradoiro de maquillaxe a cargo de Elisabeth Esperón será a primeira das sesións formativas en torno á área de oncoloxía que organiza ao longo deste ano a área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte.
Este ciclo on-line, iniciarase no día de mañá, 24 de febreiro, cun encontro ás 17 horas por zoom relacionado coa Oncoestética. Baixo o nome de ¡Maquíllate!, Elisabeth Esperón, técnico de micropigmentación facial e asesora persoal, axudará aos asistentes a coñecer a micropigmentación e os coidados da pel así como ás mellores técnicas de maquillaxe, traballando así a parte máis emocional da oncoestética.
Estes obradoiros que terán lugar unha vez ao mes son abertos e gratuitos para pacientes oncolóxicos e para os seus coidadores. Trátase dun espazo de encontro e recursos de afrontamento que permiten mellorar a calidade de vida dos pacientes ao longo de todo o proceso da patoloxía e tamén unha vez que a enfermidade está en remisión.
A seguinte sesión programada serán Sensualidade e cancro, o vindeiro 24 de marzo, a cargo de Estefanía Fernández Otero, médica do 061 e experta en sexoloxía.