Vilalba Aberta levará a pleno a apertura da pista que une Aldea e Penarredonda en Belesar

Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha visita á de Belesar, a formación municipalista vén de rexistrar unha nova iniciativa – a debater no vindeiro Pleno de Marzo – coa que pretenden dar resposta ás demandas dos seus veciños/as, pola vía da apertura da pista que une os barrios de Aldea e Penarredonda.

O tramo a habilitar (arredor de 900m) está actualmente inservible para o tráfico rodado, polo que a solicitude de actuación exposta na proposición de Vilalba Aberta, redundaría nunha notable mellora das comunicacións nunha das parroquias máis grandes do Concello en termos de extensión.

Para o seu voceiro municipal, Modesto Renda, a apertura deste vial daríalle “un grande servizo á parroquia”, pois suporía un “atallo que evitaría moitas voltas tanto aos residentes dos barrios que uniría, como á veciñanza que ten explotacións e fincas pola zona”.

Renda, que definiu a iniciativa como “unha proposta de sentido común”, apelou directamente ao deixamento de funcións do goberno, lembrando o “limitado da inversión” e o “baixo custe” que, para as arcas municipais, suporían os traballos de compactado de zahorra.

É por isto que, ao tempo que agradeceu a confianza dos veciños/as de Belesar no Grupo Municipal de Vilalba Aberta, chamou ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a facer posible “unha reivindicación” que debera ser realidade “na presente anualidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com