Navia de Suarna presenta a súa Festa da Androlla que terá lugar este domingo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, presentaron este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a XXXI Festa da Androlla, que acollerá este concello da Montaña mañá, 27 de febreiro, coincidindo coa festividade do Entroido. No acto tamén estiveron presentes a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e unha produtora de androlla, María del Carmen Sánchez.

A institución provincial colabora cunha achega, a través do Plan Único Provincial, de 3.000 euros con esta cita, na que se porán á venta máis de 1.000 quilos de androlla. “A Festa da Androlla é unha festa moi senlleira e moi importante para a economía de Navia e de toda a Comarca da Montaña. Dende a Deputación de Lugo imos seguir colaborando para a posta en valor dos produtos do noso sector primario porque cremos que o impulso e a modernización deste sector é un dos grandes camiños de progreso que temos por diante”, sinalou o mandatario provincial.

Tomé Roca felicitou ao Alcalde e aos produtores por recuperar a tradición que celebra “31 anos de historia nos que se consolidou como unha cita gastronómica, lúdica e turística de primeiro nivel. Posiblemente, a cita máis importante para o concello de Navia de Suarna e, dende logo, un referente na oferta de ocio da Montaña e do conxunto da provincia”.

“Arredor da androlla hai unha industria que xera emprego de calidade e oportunidades no noso rural. Unha industria que crea riqueza polo seu traballo, e que tamén axuda a difundir unha idea do rural dinámico”, subliñou o Presidente.

O programa

O programa de actividades arrancará ás 10.00 horas co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas; ás 10.30 horas dará comezo a XXXI Festa da Androlla e a apertura de stands, onde ao longo de todo o día poderanse adquirir produtos típicos e tamén artesanais. Ás 13.00 horas haberá degustación de Androlla na Praza da Vila; ás 15.00 horas actuación musical e clausura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com