Na tarde de onte tivo lugar unha reunión entre a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o Director Xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias con representantes de Lugo Monumental (o seu presidente, Luís Latorre e as directivas Andrea Martínez e Antonia Iglesias). O tema era o futuro dos autobuses interurbanos na cidade de Lugo e a preocupación da Asociación polo traslado da estación á futura Intermodal.
En primeiro lugar queremos agradecer á Xunta de Galicia, e particularmente á Conselleira, que accedesen a unha reunión a tan alto nivel tendo en cuenta que Lugo Monumental é unha asociación de barrio. Foi unha reunión moi positiva cun ambiente moi construtivo e cremos que se trataron temas importantes e que se chegou a puntos de encontro favorables para todos.
Desde a Asociación expuxéronse os argumentos que levan anos defendendo, como o de magnífica localización da actual estación para os seus usuarios, a súa inmellorable accesibilidade, o feito de que segundo os propios datos da Xunta de Galicia os seus usuarios acoden maioritariamente andando a ela…
Por parte da administración autonómica, a Conselleira trasladou á Asociación que nunca estivo nos plans da Xunta retirar o servizo de autobuses interurbanos da súa localización, senón simplemente trasladar as dársenas onde se estacionan os buses á contorna da estación de tren pero mantendo a parada actual.