Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit son as nove empresas que aspiran a converterse nos novos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025.
Estes nove consorcios e empresas, moitas delas de referencia internacional, iniciaron xa a fase de diálogo da licitación de Compra Pública Precomercial, na que detallarán as súas propostas para o desenvolvemento de programas conxuntos de I+D coa Xunta de Galicia. O obxectivo é atraer a Galicia a entre catro e oito empresas tractoras do sector a través do financiamento de programas conxuntos que dean resposta aos grandes retos tecnolóxicos dos vehículos non tripulados; ao tempo que se crea emprego en torno a este segmento do sector aeroespacial e se xera pegada industrial e coñecemento no ecosistema.
Cos programas conxuntos de I+D cos novos socios estratéxicos, Galicia ofrecerá ao mercado dos UAVs solucións de alta tecnoloxía tanto no segmento das plataformas como no dos sistemas non tripulados capaces de dar resposta aos principais retos dos vehículos non tripulados.
Esta licitación foi a primeira das 30 actuacións planificadas ata 2025 no Polo Aeroespacial de Galicia. No marco destes acordos contémplase construír novos hangares no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas, desenvolver ata 80 proxectos de I+D no marco dos programas conxuntos e xerar e manter 700 postos de traballo de alta cualificación.
Agárdase que o desenvolvemento destes novos programas exerza un efecto tractor sobre 80 pemes galegas e multiplique a capacidade tecnolóxica de Galicia neste eido; ao tempo que se continúa impulsando o ecosistema de innovación vinculado aos vehículos non tripulados en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia cos líderes do sector.