Xornada de retroceso na boa evolución da Covid. E é que nas últimas horas a área sanitaria experimentou un pequeno paso atrás debido a unha nova suba do ritmo de contaxios e un freo nas altas médicas.
Así, fronte aos 2007 casos que se rexistraban na xornada anterior, onte eran 2041 os que o SERGAS informaba como casos activos de covid19. Un baile de cifras que se vén dando nas últimas xornadas. Principalmente, no relativo aos positivos rexistrados que, no día de onte se situaron nos 175, bastante por riba dos 138 da xornada anterior ou mesmo dos 93 do pasado sábado.
Outro baremo que non mellora é a presión asistencial. A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte rexistra nas últimas horas un total de 3 pacientes en UCI, e 45 en unidades convencionais, fronte aos 40 dun día antes.
Así, por hospitais, o HULA conta con 28 pacientes con Covid, o Hospital da Mariña con 7 e o de Monforte con 10.
Asemade, nas últimas horas Lugo rexistrou tan só 138 altas médicas situandose así, en 50031 as persoas que xa poden dicir que superaron a enfermidade na provincia. Da outra banda, o SERGAS notificou un novo falecemento, o que eleva esta cifra ata os 211 falecidos na provincia dende o inicio da pandemia. O falecido, notificado onte, era un home de 85 anos con patoloxías previas.