O PP denuncia que o Goberno de Pedro Sánchez “non está á altura das circunstancias” para frear a inflación

O economista Daniel Lacalle presentou esta tarde na sede en Lugo do PP o seu libro Libertad o igualdad. Por qué el desarrollo del capitalismo es la única solución a los retos del nuevo milenio. Lacalle foi presentado polo secretario xeral do PP da provincia, Javier Vázquez Nodal, que indicou que este libro “abre moitas luces sobre a actualidade que nos rodea, que, sen dúbida,  pasa pola situación económica que nos afecta a todos”. Agradeceu ao autor que elixira Lugo para presentar a súa obra máis recente.

O popular indicou, neste sentido, que todos os cidadáns comproban como sube o custo da luz, do combustible, da cesta da compra. Ata tal punto é así que, lembrou, parte da flota de Celeiro permanece amarrada debido ao custe do combustible. Vázquez Nodal manifestou: “A inflación é un dos principais riscos que afronta a recuperación económica; pechamos o 2021 con incremento da inflación xeral do 6,5%, a cifra máis alta nos últimos 30 anos. Isto non é unha cuestión menor, senón que é unha ameaza que determina e determinará as constantes vitais da economía europea ao longo deste ano”.

Así mesmo, sinalou que “a inflación actúa como un imposto silencioso que mingua o poder de compra dos salarios e das pensións -imaxinémonos o que isto supón na provincia de Lugo cunha poboación tan envellecida- deteriora o valor real do aforro e pon en dúbida as previsións de crecemento”.

Os populares, aproveitaron a presentación para cargar contra o Goberno presidido por Pedro Sánchez: “Aquí reside a primeira irresponsabilidade de Pedro Sánchez”. A este respecto, sinalaron: “Pedro Sánchez debe e ten que poñer en marcha unha estratexia de contención neste ámbito, o que supón aplicar unha política económica que facilite os mecanismos de formación dos prezos nos mercados e predicar co exemplo en todo o que se refire a prestacións públicas. A día de hoxe, non só é que non o fixo, senón que a súa ministra, Nadia Calviño, atrévese a afirmar que é ‘normal’ que a inflación se dispare e que este incremento débese aos prezos de enerxía. Isto é inadmisible e un insulto a todos os contribuíntes que xa pagamos relixiosamente os nosos impostos”.

Os populares amosáronse convencidos de que “o que fai falta é un Goberno serio e non un Goberno de mentiras ou de medias verdades; trátase de facer máis con menos e non menos con máis”. Tamén indicaron que “parte da recuperación tamén pasa por unha eficaz e útil xestión dos fondos europeos; a convocatoria 2021-2027 é unha oportunidade para impulsar con iso territorios como o lucense, onde a industria foi destruída polas políticas estatais respecto de Alcoa, ou o rural ten que entenderse como unha oportunidade económica”.

Finalmente, concluíron que “o Goberno de Pedro Sánchez non está a altura das circunstancias no que se refire a frear a inflación e a xestión dos fondos Next Generation, dos que depende a reactivación económica”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com