A Audiencia de Lugo condena a un hostaleiro por presentar nóminas falsas nun xuízo para simular que foran pagadas

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a un ano de cárcere a un empresario do sector da hostalería que, tras ser demandado por unha traballadora que exercía como encargada por non pagarlle os meses de outubro e decembro de 2018, tras o cal foi despedida, presentou nun xuízo dúas nóminas falsas para alegar que foran cobradas pola súa empregada e asinadas por ela. A firma deses documentos, segundo destaca o tribunal, “non foi feita pola demandante, senón que foi imitada polo acusado ou por outra persoa a demanda súa”. Ademais dos doce meses de prisión por cometer un delito de falsificación de documento privado, en concurso cun delito de estafa procesual en grao de tentativa, a Sala impúxolle o abono dunha indemnización á afectada de 2.132 euros.

Os xuíces salientan que presentou como proba esas supostas nóminas na vista celebrada en xuño de 2019 con “ánimo de inducir ao tribunal a erro e obter unha resolución prexudicial para os intereses da traballadora”. A Sala asegura que chegou a esa conclusión tanto polo manifestado pola propia denunciante como polo informe  grafolóxico prestado pola unidade de criminalística da policía, o cal conclúe, de forma categórica, que as firmas das nóminas que se atribúen á traballadora son falsas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com